Volver ao contido

Notas de prensa

La Xunta avanza polo camiño da solvencia e a estabilidade como máximas para todas as empresas que queiran investir na Comunidade

La Xunta avanza polo camiño da solvencia e a estabilidade como máximas para todas as empresas que queiran investir na Comunidade

  • Miguel Corgos clausurou o Encontro Finance Date 2024 da APD, onde afirmou que este marco de seguridade permite a Galicia ter un bo acceso aos mercados capitais e cubrir as súas necesidades de financiamento en mellores condicións que outras administracións
  • Lembrou que nas vindeiras semanas aprobarase no Consello da Xunta a lei para o desenvolvemento e impulso da IA, que se converterá na primeira do seu rango en Europa

 

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou hoxe que o Goberno galego avanza polo camiño da solvencia e a estabilidade, como máximas garantías para todas as empresas que queiran investir na Comunidade.

Durante a clausura do Encontro Finance Date 2024 da APD, Miguel Corgos incidiu en que Galicia ofrece un marco institucional, económico e xurídico estable, que achega certeza, seguridade e credibilidade aos investidores. Un marco, asegurou, que ademais permite á Comunidade ter un bo acceso aos mercados capitais, para cubrir as súas necesidades de financiamento en mellores condicións que outras administracións, tal e como reflicte o feito de ser a terceira autonomía que menos porcentaxe do seu orzamento destina ao pago da débeda –só o 0,87%-.

Así mesmo, lembrou que este modelo ten permitido compatibilizar o reforzo dos servizos públicos coas baixadas de impostos, ata o punto de que, só na última lexislatura, os galegos aforraron 1.300 millóns de euros grazas ás continuas rebaixas fiscais levadas a cabo polo Goberno galego.

Uso da IA e a transformación dixital  no eido financeiro e das administracións
Ao longo da súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública referiuse, tamén, ao uso da intelixencia artificial e a transformación dixital no eido financeiro e das administración públicas, coa finalidade de optimizar a toma de datos e a atención ao cidadán.

Sobre este punto, destacou que a Xunta foi pioneira no desenvolvemento da IA, cunha estratexia propia, que xira en torno a catro eixes: Galicia rexión intelixente; talento e competencias en intelixencia artificial ao longo da vida; adopción estratéxica da IA, tanto por parte do sector público como do tecido produtivo; e I+i orientada ás necesidades da economía galega. Ademais de crear unha estrutura de colaboración público-privada nesta eido, o Nodo GaliciA.

Miguel Corgos recordou que, froito deste traballo común, o liderado de Galicia na Intelixencia Artificial viuse reforzado coa designación da Coruña como sede da AESIA, primeira axencia reguladora de Intelixencia Artificial Europea.

O conselleiro de Facenda rematou asegurando que, nas vindeiras semanas, aprobarase no Consello da Xunta a lei para o desenvolvemento e impulso da IA, que se converterá na primeira do seu rango en Europa. E, no eido das finanzas, avanzou a posta en marcha dun sistema de predición das cifras de execución orzamentaria para mellorar a planificación e xestión de recursos; a automatización dos controis que se realizan nun expediente de gasto para reducir os tempos de tramitación; e a mellora da detección da fraude coa identificación de patróns de comportamento anormais.

"En definitiva, Galicia é un territorio de garantía e de atracción de talento para todos os que aposten por investir no seu futuro", dixo, incidindo en que o Goberno galego fixo os deberes, apostando pola sustentabilidade da comunidade, desde o punto de vista financeiro, converténdoa nunha rexión pioneira no eido da IA, e implicándoa na integración dos criterios ambientais, sociais e de gobernanza, cun Plan Estratéxico ata finais desta década en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.