Skip to Content

Notas de prensa

Galicia pide que as comunidades autónomas participen no deseño dos mecanismos de coordinación e seguimento do novo marco fiscal en España

Galicia pide que as comunidades autónomas participen no deseño dos mecanismos de coordinación e seguimento do novo marco fiscal en España

  • A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIREF) reúne en Madrid a representantes do ámbito autonómico para analizar as implicacións do novo marco fiscal nas CC.AA. 
  • A interventora xeral da consellería de Facenda e Administración Pública, Almudena Chacón, participou nunha das mesas redondas 

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2024.- Galicia pide que as Comunidades Autónomas participen no deseño dos mecanismos de coordinación e seguimento do novo marco fiscal en España. A interventora xeral da consellería de Facenda e Administración Pública, Almudena Chacón, participou nunha das mesas redondas do seminario organizado en Madrid pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIREF) para analizar as implicacións do novo marco fiscal nas CC.AA.

Almudena Chacón salientou que o proceso  de deseño, coordinación e seguimento das novas regras fiscais aplicables ás finanzas autonómicas debe ser obxecto de debate no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), como órgano de representación multilateral das Comunidades Autónomas.

Para que o novo plan fiscal que se deseñe sexa viable, ten que ter en conta o elevado nivel de descentralización en España e, polo tanto, non pode facerse sen unha coordinación, valoración e estudo previo con todas as Administracións públicas. E, afirmou Chacón, ese diálogo debe manterse no seo do CPFF, onde están representadas todas as Comunidades.

Flexibilidade, transparencia e protección do investimento público
As novas regras teñen que ser flexibles, para que permitan afrontar os compromisos de gasto que asumen as finanzas autonómicas en servizos públicos fundamentais, como son os de sanidade, os servizos sociais e a educación, con elevados graos de rixidez e, no caso dos gastos en materia sanitaria e de servizos sociais, moi afectados polo envellecemento da poboación. 

Chacón reclamou tamén un incremento na transparencia por parte do Goberno central, porque a falta de información que teñen as Comunidades dificultan as súas estimacións durante o exercicio para garantir o cumprimento ao peche. Para a interventora xeral é preciso tamén garantir un nivel axeitado de protección do investimento público, porque o propósito principal das regras fiscais é a sostenibilidade das finanzas públicas.