Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta urxe a convocatoria do CPFF e destaca que un financiamento singular para Cataluña prexudicaría a Galicia

A Xunta urxe a convocatoria do CPFF e destaca que un financiamento singular para Cataluña prexudicaría a Galicia

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, respondeu á pregunta oral sobre a valoración do modelo de financiamento para Cataluña
  • Pediu ao Goberno central que se poña a traballar e poña enriba da mesa, no foro multilateral axeitado, un novo modelo que garanta unha prestación equitativa de servizos e que reflicta o custe diferencial da prestación dos servizos en cada territorio

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, urxiu hoxe no Parlamento a convocatoria do Consejo de Política Fiscal e Financiera (CPFF) e destacou que un financiamento singular para Cataluña prexudicaría a Galicia.

En resposta á pregunta oral sobre a valoración do modelo de financiamento para Cataluña, Miguel Corgos pediu ao Goberno central que se poña a traballar e poña enriba da mesa, no foro multilateral axeitado, un novo modelo e máis recursos para financialo. Un modelo, explicou, que garanta unha prestación equitativa de servizos en todas as CC.AA. e que reflicta o custe diferencial da prestación dos servizos en cada territorio.

Con este obxectivo, Miguel Corgos aproveitou a súa intervención para pedir novamente a convocatoria urxente do Consejo de Política Fiscal e Financeira ou da Conferencia de Presidentes, cunha orde do día que inclúa abordar a revisión do sistema de financiamento autonómico "para, entre todos, consensuar un financiamento equitativo e xusto para todas as comunidades", abundou.

Ademais de recordar que a proposta de crear un réxime distinto do común non ten cabida dentro do actual ordenamento legal, o conselleiro de Facenda e Administración pública insistiu en que un financiamento singular para Cataluña sería lesivo para os recursos da facenda pública galega e, polo tanto, inaceptable. "Galicia non pode aceptar estas negociacións bilaterais entre o Goberno de Pedro Sánchez e os independentistas cataláns, que logo tentan trasladar como algo beneficioso para todos", dixo.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu facendo fincapé en que o obxectivo do Goberno galego é acadar un modelo que pondere o custe diferencial de prestar os servizos na comunidade, especialmente polo avellentamento e a dispersión, tal e como quedou reflectido na comisión parlamentaria que abordou esta cuestión.