Skip to Content

Notas de prensa

A Xunta pon en marcha a terceira convocatoria dos bonos dixitais, que permitirá subvencionar a conexión a internet a preto de 5.000 persoas vulnerables

A Xunta pon en marcha a terceira convocatoria dos bonos dixitais, que permitirá subvencionar a conexión a internet a preto de 5.000 persoas vulnerables

  • Esta terceira liña de axudas conta cun orzamento de 1,16 millóns de euros 
  • As axudas están destinadas tanto para a contratación como para o mantemento de servizos de banda ancha cunha velocidade mínima de 30 Mpbs durante un ano
  • Os bonos permitirán unha redución mensual de ata 20 euros no custe do servizo e poderán solicitarse ata o 30 de setembro, previa publicación da convocatoria no DOG

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024.- O Consello do Goberno galego autorizou hoxe a terceira convocatoria dos bonos dixitais para facilitar a contratación e mantemento de servizos de internet a familias e persoas vulnerables. Enmarcada no Programa estatal UNICO Bono Social, esta nova liña de axudas conta cun orzamento de 1,16 millóns de euros que permitirá acadar os 4.844 beneficiarios.

O obxectivo dos bonos dixitais é facilitar a familias ou persoas vulnerables a contratación ou o mantemento das liñas de conexións á banda larga cunha velocidade mínima de 30Mbps. As axudas reducirán o custe mensual de factura en ata 20 euros durante un ano cun importe total máximo de 240 euros.

Os beneficiarios destas subvencións son persoas cuxa renda anual sexa inferior ao 125% do IPREM, en caso de non ter menores na unidade familiar, ou ao 175% en caso de telos. Son, fundamentalmente, beneficiarios de Risga, do Ingreso Mínimo Vital así como outras familias con poucos recursos ou en risco de exclusión social. Unha vez publicada a convocatoria no DOG, os bonos poderán solicitarse ata o 30 de setembro deste ano.

Nova convocatoria en 2024
A Xunta lamenta que debido ao deseño do Programa ÚNICO, fixado de xeito unilateral polo Goberno central sen ter en conta as características e necesidades de cada comunidade, nas convocatorias dos anos 2022 e 2023 se concederon unicamente 900 bonos dixitais por importe de 216.000 euros.

Por esa razón, o Goberno galego prevé lanzar unha nova convocatoria dos bonos dixitais este ano, xa que aínda dispón de 1.162.560 euros dos 1.378.560 euros transferidos polo Estado, o que confirma a falta de adecuación dos obxectivos dos fondos ao que realmente precisa a poboación. Isto complica a execución dos programas en tempo e forma, polo que a Xunta insiste na petición feita no marco da Conferencia sectorial para a Transformación dixital do pasado mes de maio para ampliar o prazo e adaptar as actuacións e poder deste xeito executar adecuadamente os proxectos para a mellora da conectividade.

Os bonos dixitais son unha das medidas predefinidas polo Goberno de España para a mellora da conectividade no territorio. Ademais desta liña de axudas para colectivos vulnerables, este ano a Xunta porá en marcha novas convocatorias do Programa ÚNICO no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través do cal Galicia recibe 19,1 millóns de euros para reforzar a conectividade en áreas empresariais e centros loxísticos; e en centros públicos.