Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta pon en marcha a IX edición do programa Scratch Day para achegar a linguaxe de programación aos máis novos dun xeito lúdico

A Xunta pon en marcha a IX edición do programa Scratch Day para achegar a linguaxe de programación aos máis novos dun xeito lúdico

  • As xornadas, dirixidas á rapazada de entre 7 e 15 anos, comezarán o 21 de setembro e desenvolveranse ata outubro en 4 aulas da Rede CeMIT e na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2024.-  A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG),  organiza un ano máis o Programa Scratch Day que celebra este ano a súa IX edición. A iniciativa busca derrubar mitos en torno á programación informática e espertar e fomentar vocacións no ámbito STEAM desde idades temperás. 

O programa está dirixido á rapazada de entre 7 e 15 anos e desenvolverase entre os meses de setembro e outubro con catro xornadas formativas nas aulas CeMIT de Guitiriz, Tomiño, Celanova e Fisterra.  O ciclo rematará o 19 de outubro cunha  xornada final no Edificio CINC da Cidade da Cultura, na que tamén terá lugar unha acción formativa específica para profesorado e formadores de centros de ensino. 

O obxectivo deste encontro é mostrarlles aos docentes as vantaxes de traballar e ensinar a través deste tipo de tecnoloxía, coa que poden incentivan a creatividade, o emprendemento e a capacidade de resolución de problemas.

Contidos do programa
Nesta edición os participantes nas xornadas terán que realizar tres videoxogos relacionados con deportes presentes nos Xogos Olímpicos. Nunha primeira fase, realizarase unha introdución aos videoxogos con Scratch e a continuación os asistentes poderán elaborar videoxogos relacionados con deportes olímpicos cos que a posteriori participar nunha competición. 

Inscrición e calendario de actividades 
O prazo de inscrición está aberto  e pode realizarse a través de portal da rede CeMIT. Os rapaces e rapazas que queiran participar deben ir acompañados ás xornadas dun adulto.  As datas e aulas das xornadas son as seguintes: 


•    21 de setembro – Guitiriz: https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/47456
•    21 de setembro -  Tomiño: https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/47122 
•    28 de setembro -  Celanova: https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/46998

•    5 de outubro -  Fisterra: https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/46995
•    19 de outubro -  Edificio CINC Cidade da Cultura