Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta invita aos cidadáns a coñecer o funcionamento do goberno a través da Semana da Administración Aberta

A Xunta invita aos cidadáns a coñecer o funcionamento do goberno a través da Semana da Administración Aberta

  • Desde mañá luns 10 e ata o venres 14 de xuño celebraranse diferentes xornadas de participación social para divulgar a súa actividade e os seus obxectivos

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2024.- A Xunta invita a todas as galegas e os galegos a coñecer o funcionamento do goberno e a Administración pública galega e a participar dos seus principios e valores a través da Semana da Administración Aberta. 

Desde mañá, luns 10 e ata o venres 14 de xuño, a Consellería de Facenda e Administración Pública organiza diferentes actividades e xornadas de participación social na que se implican o conxunto das consellerías para divulgar os principios nos que se sustenta a Administración aberta: a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.

A Semana da Administración Aberta constitúe unha oportunidade única para que os cidadáns coñezan mellor o funcionamento das Administracións e os valores que rexen o Goberno aberto, así como as ferramentas de participación cidadá na elaboración, planificación e execución das políticas públicas.

Implicación de toda a Administración autonómica
O programa conta con visitas, charlas, xornadas e webinarios guiados por conselleiros e outros altos cargos da Administración autonómica e abertos á participación dos galegos e galegas interesados en coñecer con máis detalle os temas abordados. 

Os horarios, contidos e localizacións pódense consultar no portal de transparencia desde mañá, luns (https://transparencia.xunta.gal/a-transparencia/goberno-aberto/semana), onde se poderá tamén participar a través de enquisas de satisfacción das actividades programadas.

Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.