Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta garante recursos, eficacia e transparencia para asegurar unha sanidade pública de calidade e o acceso aos fármacos e tratamentos máis innovadores

A Xunta garante recursos, eficacia e transparencia para asegurar unha sanidade pública de calidade e o acceso aos fármacos e tratamentos máis innovadores

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública recordou no Parlamento que a Consellería de Sanidade engloba case o 40% do orzamento total da Xunta
  • Miguel Corgos destacou que os contratos menores e negociados sen publicidade para a compra de produtos protexidos con dereitos de patente ou para tratamentos novidosos permiten optimizar os procedementos para ofrecer á cidadanía as terapias máis axeitadas e innovadoras 
  • Corgos lembrou que o de 2024 é o gasto sanitario más alto da historia
  • Sinalou que a sanidade pública ten os maiores recursos e que o seu reforzo vai continuar para ofrecer unha atención de calidade e as mellores prestacións sanitarias , as que Galicia merece

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe, no Parlamento galego, que a Xunta garante os recursos, a eficacia e a transparencia precisos para asegurar unha sanidade pública de calidade e o acceso aos fármacos e tratamentos máis innovadores.

En resposta a unha interpelación sobre o informe do Consello de Contas de fiscalización da Conta Xeral do Sergas do ano 2022, Miguel Corgos recordou que a Consellería de Sanidade engloba case o 40% do orzamento total da Xunta e é o departamento cos maiores recursos. 

Así, neste 2024, o orzamento que a Administración autonómica inviste na sanidade pública galega ascende a máis de 5.100 millóns de euros, a cifra máis alta da historia; ademais de consolidarse o gasto extraordinario da pandemia, con incrementos do 3,4% entre os anos 2021 e 2022, e do 8,6% entre 2022 e 2023.  "Nunca a sanidade pública tivo tantos recursos", afirmou, garantindo que o seu reforzo continuará nos vindeiros anos.

Foi a finais do ano 2022, data do informe do Consello de Contas, cando se empezaron a recuperar os niveis de actividade asistencial de antes da pandemia. Porén, o Ministerio de Sanidade, indicou Corgos, constata no seu informe relativo a finais do 2023 que Galicia é unha das comunidades con menor lista de espera ocupando, por exemplo, o terceiro posto nas intervencións cirúrxicas, só por detrás de Madrid e do País Vasco.

Unha contratación centralizada con mellores prezos e maior eficacia
Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública referiuse tamén ao compromiso de seguir avanzando na contratación centralizada desde os servizos centrais do Sergas, co obxectivo de acadar mellores prezos e maior eficacia. 

Sobre este punto, e tal e como reflicten os expedientes de compras centralizadas e o valor polo que se licitan e se comparan co valor adxudicado, destacou un aforro medio do 9%, con máis de 1,4 millóns de euros de aforro ao ano.

Miguel Corgos sinalou que, polas propias características dalgúns dos produtos cos que o Sergas traballa, utilízanse os procedementos de contratación menor e negociados sen publicidade. Trátase daqueles protexidos con dereitos de patente ou tratamentos novidosos e innovadores nos que non hai competencia por ser o provedor único. O proceso, como en todas as demais contratacións, lévase a cabo cumprindo con todos os requisitos legais, fiscalizado e publicado no Portal de Contratos e no de Transparencia. 

Para o resto dos casos, o conselleiro de Facenda incidiu na aposta do Goberno galego por homoxeneizar a prestación farmacéutica e lograr unha maior eficiencia na contratación de medicamentos nos 14 centros hospitalarios, acordando darlle prioridade a aqueles expedientes que supoñan unha maior porcentaxe de gasto.

Así mesmo, avogou por axilizar e fortalecer a contratación centralizada desde os servizos centrais do Sergas dos medicamentos nos que si hai competencia e concorrencia, e nos que se poden obter unha maior eficiencia con mellores prezos por unha economía de escala.

Miguel Corgos subliñou tamén que o obxectivo da Xunta é reducir cada vez máis os concertos con entidades privadas para a prestación de servizos. No ano 2022 –recordou- foron só un 4,7% do total do gasto do Sergas e a tendencia é a seguir diminuíndoos, tal e como pon de manifesto o propio Consello de Contas.

Control financeiro permanente
Polo que respecta ao control financeiro permanente, recordou que esta medida de avaliación aplícase de xeito continuo durante o exercicio económico, mediante a realización de revisións sistemáticas da actividade económico-financeira e da execución orzamentaria. Realízase un seguimento da facturación dos centros e o control do período medio de pagamento e, adicionalmente, os servizos de auditoría emiten un informe, previo á aprobación polo órgano xestor dos pregos das cláusulas administrativas.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu insistindo en que o Goberno galego seguirá comprometido coa sanidade pública, empregando os procedementos de contratación máis axeitados para cada produto sanitario e centro hospitalario, e tendo como principal obxectivo ofrecer unha atención de calidade e as mellores prestacións sanitarias, as que Galicia merece.