Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta avoga pola estabilidade e a confianza para ir da man das empresas e afrontar as súas necesidades e retos

A Xunta avoga pola estabilidade e a confianza para ir da man das empresas e afrontar as súas necesidades e retos

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública clausurou este mediodía o VI Encuentro Nacional de Actualización Concursal y Societario
  • Avanza que o proxecto de Orzamentos 2025 presentarase proximamente no Consello da Xunta e incluirá medidas para incentivar a dixitalización, a innovación, a sostenibilidade e a internacionalización do tecido produtivo galego

 

A Coruña, 13 de setembro de 2024-. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou hoxe que o Goberno galego seguirá apostando pola estabilidade política e institucional e a confianza como elementos clave para ir da man das empresas e afrontar as súas necesidades e retos.

Nesta liña, avanzou que o proxecto de Orzamentos 2025 presentarase proximamente no Consello da Xunta e, ao igual que en anos anteriores, incluirá medidas para incentivar a dixitalización, a innovación, a sostenibilidade e a internacionalización do tecido produtivo galego, nun contexto dunha economía global e conectada.


"Galicia é un territorio acolledor, aberto e próspero para seguir xerando riqueza e benestar. E, por iso, a nosa prioridade é crear un ambiente propicio para o desenvolvemento e a consolidación das nosas empresas", abundou, durante a clausura do VI Encuentro Nacional de Actualización Concursal y Societario.


O Conselleiro de Facenda e Administración Pública destacou o volume de exportacións da Comunidade, que se sitúa por riba dos 30.000M€ ao ano; e o período medio de pago a provedores, que sitúa a Galicia como a comunidade que paga con máis celeridade -en 11,6 días, menos da metade da media, que supera os 27 días-, como exemplo do esforzo, común, entre administración e sector empresarial. Un esforzo, asegurou, que permitiu que o número de novas empresas creadas en Galicia subise máis dun 11% en xullo, en relación ao último ano.


Así mesmo, resaltou o compromiso da Xunta coa transformación dixital do tecido empresarial galego, reflectido na construción, en Ourense, do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia ou na aprobación dunha lei específica para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial.

"En definitiva, Galicia é unha comunidade solvente que ofrece as máximas garantías para que todas as empresas que queiran investir e prosperar nela, poidan facelo", concluíu, incidindo en que a Xunta seguirá traballando para ofrecer un marco institucional, económico e xurídico estable, que achegue certezas, seguridade e credibilidade aos investidores.