Skip to Content

Notas de prensa

A Xunta aposta por un sistema de financiamento baseado na suficiencia e na igualdade e pide “unha posición de país” na defensa dos intereses de Galicia

A Xunta aposta por un sistema de financiamento baseado na suficiencia e na igualdade e pide "unha posición de país" na defensa dos intereses de Galicia

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública respondeu no Parlamento a unha interpelación sobre a posición de Galicia no Sistema de Financiamento Autonómico
  • Destacou que os recursos globais do novo modelo deben estar correlacionados co peso do gasto público das CC.AA., que xestionan a sanidade, a educación e os servizos sociais
  • Miguel Corgos insistiu en que a revisión do modelo debe abordarse nunha negociación multilateral, co máximo consenso posible e reivindica a Galicia como voz autorizada para pedir un novo modelo de financiamento

 

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reiterou hoxe que a Xunta aposta por un sistema de financiamento baseado na suficiencia e na igualdade, e pediu "unha posición de país" na defensa dos intereses de Galicia.

Durante a súa resposta a unha interpelación sobre a posición da Comunidade no Sistema de Financiamento Autonómico, Miguel Corgos referiuse a algúns dos aspectos clave que o Goberno galego considera imprescindibles para afrontar a tan necesaria revisión do sistema. Así, destacou, en primeiro lugar, que os recursos globais do modelo deben estar correlacionados co peso do gasto público das comunidades, que xestionan a sanidade, a educación e os servizos sociais.

Por outra banda, afirmou que o sistema tamén debe incluír un reparto en base a unha variable que reflicta o custe dos servizos en cada territorio, no que resulta de vital importancia a variable de poboación axustada. 

Nesta liña, e en relación ao gasto sanitario, subliñou que non son tan importantes os tramos de idade como que estes se ponderen ben para reflectir o custe diferencial das distintas etapas da vida. 

No gasto en educación considerou positivo que se teña en conta a Universidade e a Formación Profesional; e, no relativo ao gasto social, incidiu na necesidade de que se divida os tramos, cun novo desde os 85 anos, ademais de que se ponderen correctamente os gastos non atribuídos a maiores.
 
En canto as variables xeográficas, o conselleiro de Facenda e Administración Pública referiuse á dispersión como a auténtica batalla de Galicia. Un aspecto, dixo, que fai que a Comunidade teña, por exemplo, 398 centros de saúde, cunha ratio de 147,3 por cada millón de habitantes, que concentre o 22,3% do gasto en transporte escolar de todas as CC.AA., que supere nun 18,7% a media de comunidades en gasto por alumno e que duplique o número de centros públicos de educación infantil e primaria en municipios de menos de 2.000 habitantes.

Para Miguel Corgos a nivelación total é outro dos aspectos que debe recoller o novo modelo, "porque é garantía de financiamento igual a condicións homoxéneas, e achega estabilidade ao sistema", explicou, ao tempo que recordou que, igualmente, o sistema tamén debe garantir a autonomía fiscal. 

Por último, en canto á simplificación, transparencia e estabilidade salientou que Galicia propón eliminar fondos para simplificar o sistema, transparentar o acordo e os resultados do modelo, cunha lealdade institucional efectiva e a participación de Galicia na gobernanza da Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

Actualizar as entregas a conta
Logo de insistir en que a revisión do modelo debe abordarse nunha negociación multilateral, co máximo consenso posible, reivindicou a Galicia como "unha voz autorizada" para pedir un novo modelo de financiamento, posto que leva facéndoo moito tempo.

Miguel Corgos aproveitou a súa intervención na Cámara para demandar que o Goberno central actualice, "dunha vez por todas", as entregas a conta para este exercicio. "Estamos no mes de xuño, practicamente a mediados de ano e o Goberno central aínda non nos transferiu uns recursos que son nosos e dos que tiñamos que dispoñer desde principios de ano", dixo, recordando que a non actualización das entregas a conta ten un prexuízo ao día de 2M€ para Galicia, polo que se acumulan xa máis de 300 millóns de euros.