Volver ao contido

Notas de prensa

A Escola Galega de Administración Pública realizará neste 2024 47 actividades formativas en idiomas, cun total de 2.070 prazas

A Escola Galega de Administración Pública realizará neste 2024 47 actividades formativas en idiomas, cun total de 2.070 prazas

  • Destaca a ampla oferta en lingua inglesa, que permite cursar un itinerario formativo estruturado en doce niveis
  • O 90% das prazas ofertadas corresponden a modalidades formativas baseadas no uso dos medios telemáticos 

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024.- O Consello da Xunta deu conta hoxe do informe sobre a formación en materia de idiomas convocada pola Escola Galega de Administración Pública para este ano 2024. Neste marco, ao longo do presente exercicio a EGAP levará a cabo un total de 47 actividades formativas, cun total de 2.070 prazas dirixidas ao persoal ao servizo das distintas Administracións públicas.

Entre a ampla oferta de linguas, destaca a inglesa, que permite cursar un itinerario formativo estruturado en doce niveis, co obxectivo de darlle continuidade ás persoas que xa cursaron os niveis máis avanzados nas anteriores convocatorias, incorporándose como novidades: "Lingua inglesa. Nivel avanzado 1", nivel 11; e "Lingua inglesa. Nivel avanzado 2", nivel 12.

Ademais deste idioma, o persoal interesado pode cursar itinerarios formativos en lingua francesa, portuguesa, alemá e italiana. E, en canto ás modalidades de impartición, o 90% das prazas dos cursos de idiomas convocados para este ano corresponden a modalidades formativas baseadas no uso dos medios telemáticos.

Por outra banda, cómpre subliñar tamén o interese que está a suscitar a formación en lingua de signos, cun total de 1.206 solicitudes. En 2024, desenvolveranse tres edicións desta actividade formativa, que se incorporou á oferta da EGAP en 2016. 

A formación en idiomas vén conformándose nos últimos anos como unha das liñas estratéxicas da actividade da Escola Galega de Administración Pública, co fin de contribuír á consecución dos obxectivos propios das Administracións públicas de mellora na prestación dos servizos á cidadanía, fomento da igualdade de dereitos e oportunidades e, en definitiva, contribución ao interese xeral.