Volver ao contido

Notas de prensa

O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia ofrece información sobre máis de 350 empresas e 1.300 produtos e servizos

O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia ofrece información sobre máis de 350 empresas e 1.300 produtos e servizos

  • O directorio do centro tecnolóxico GaiasTech ten rexistradas 78 tecnoloxías desenvolvidas por empresas galegas
  • A rede de nodos de especialización tecnolóxica impulsou en 2023 un total de 225 iniciativas de colaboración público-privada con impacto en máis de 200 empresas
  • O Centro GaiasTech colabora coa rede CeMIT na formación dixital da cidadanía

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2024.- Máis de 350 empresas forman parte xa do Mapa de Capacidades TIC de Galicia que xestiona o centro GaiasTech da Cidade da Cultura. Estas empresas tecnolóxicas ofrecen un total de 1.335 produtos e servizos que empregan 78 tecnoloxías diferentes. Os datos forman parte do balance de evolución da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O balance destaca a aprobación do Plan DigiTalent 2030 para favorecer a creación, atracción e retención de talento dixital en Galicia. O catálogo do novo plan inclúe un total de 39 novas actuacións.

O eixo transversal da EGD2030 aposta pola promoción da especialización tecnolóxica de Galicia para poñer estes avances ao servizo do benestar e cohesión da poboación, da vertebración do territorio e da xeración de riqueza.

O centro GaiasTech concentra parte das actuacións dos nodos de colaboración en tecnoloxías como o despregue de redes de telecomunicacións no territorio, a ciberseguridade ou a intelixencia artificial. A rede de nodos impulsou en 2023 un total de 225 iniciativas de colaboración público-privadas, nas que participaron máis de 200 empresas. Ademais, as actividades organizadas polo GaiasTech recibiron cerca de 2.500 asistentes, 200 máis que en 2022.

O GaiasTech tamén colabora activamente coas actividades de formación dixital da cidadanía e iniciativas promovidas pola rede CeMIT, que está formada por 94 aulas repartidas por toda Galicia.

No ámbito da especialización tecnolóxica, o balance destaca como fitos de 2023 a proposta de elaboración da lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, que xa está en fase de anteproxecto previa ao debate parlamentario; ou a creación da Comisión de Expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial en Galicia.