Volver ao contido

Notas de prensa

O importe adxudicado dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia pola Xunta supera os 1.000M€, case o 90% do publicado

O importe adxudicado dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia pola Xunta supera os 1.000M€, case o 90% do publicado

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública presentou ao Consello do Goberno galego o informe de execución do MRR de finais do segundo trimestre de 2024
  • Preto de 45.000 persoas, 8.000 autónomos e máis de 5.000 entidades se beneficiaron destes fondos

O importe adxudicado dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia pola Xunta de Galicia acada os 1.027 millóns de euros, case o 90% do importe publicado en convocatorias e licitacións.

A boa execución en Galicia tamén a confirma os datos do Ministerio de Economía, onde Galicia ten a taxa de resolución dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) máis alta do Estado, un 78,7% (22,2 puntos máis que a media das CC.AA. e 20,2 puntos máis que a AXE).

Segundo o informe analizado hoxe na reunión do Consello, na actualidade, a suma dos recursos do MRR asignados polo Goberno central á Administración galega ascenden a 1.545 M€, o 5,8% do distribuído entre as comunidades autónomas, o que supón menos recursos dos que corresponderían á Comunidade por PIB per cápita. Desa cantidade, a Xunta ten ingresados 1.453M€. Hai que lembrar que estes fondos se poden executar ata o ano 2026.

Ademais, unhas 45.000 persoas físicas, 8.000 autónomos e máis de 5.000 entidades e sociedades beneficiáronse dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia executados polo Goberno galego ata finais do segundo trimestre de 2024. 

As actuacións concéntranse nas compoñentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia relacionadas coa mobilidade sostible, as enerxías renovables, as políticas públicas para o mercado de traballo, a renovación e ampliación do Sistema Nacional de Saúde, a implantación da Axenda Urbana, a dixitalización, a modernización do sistema educativo, a economía dos coidados e a inclusión social.

Pola súa banda, a dotación dos PERTES, cos que se financian os proxectos transformadores público-privados, dos máis de 41.000M€ anunciados e de xestión exclusiva do Goberno central, tan só se publicaron 20.593M€, é dicir, o 50%. A contía das resolucións ascende a 12.136 M€, o 59% do publicado, destinándose tan só un 5,5% a proxectos en Galicia (675 M€).