Volver ao contido

Notas de prensa

O GaiásTech consolídase como centro de referencia das tecnoloxías innovadoras e escaparate para empresas TIC

O GaiásTech consolídase como centro de referencia das tecnoloxías innovadoras e escaparate para empresas TIC

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visita hoxe as instalacións, que promoven a creación dun vínculo entre a tecnoloxía e as persoas  
  • O centro, situado na Cidade da Cultura, colabora con actividades de formación dixital da cidadanía e iniciativas promovidas pola rede CeMIT

 

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2024-. O GaiásTech consolídase como centro de referencia das tecnoloxías innovadoras e escaparate para as empresas TIC, ás que ofrece unha ampla carteira de servizos e actividades de balde a través das que poden presentar e difundir as súas solucións innovadoras, conectar con outros axentes do ecosistema tecnolóxico e manterse á vangarda nunha contorna dixital en constante evolución.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitou hoxe as instalacións deste polo de desenvolvemento TIC e deu tamén a benvida ás alumnas e alumnos do obradoiro Girl STEAM organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG). 

O centro GaiásTech colabora con actividades de formación dixital da cidadanía e iniciativas promovidas pola rede CeMIT, como o caso dos obradoiros Girl STEAM, que teñen como obxectivo dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e incentivar a presenza das mulleres nas carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas), así como espertar vocacións tecno-científicas entre as rapazas. Acolle tamén a Tech Kids, que comezou a semana pasada, e que está orientada a fomentar as vocacións tecnolóxicas entre a rapazada de entre 12 e 18 anos.

Avanzando o mes de setembro, celebrarase tamén    A aventura que me espera: descubrindo a ciencia e a tecnoloxía, que ten como propósito dar a coñecer diferentes roles laborais que combinan a ciencia e a tecnoloxía, a partir da experiencia de dez mulleres que traballan en diversos campos como o académico, o administrativo ou o empresarial.

O conselleiro de Facenda, que estivo acompañado do director da Amtega, Julián Cerviño, destacou o papel destas iniciativas e puxo en valor outras que se canalizan a través das aulas CeMIT, unha rede creada en colaboración coa Fegamp na que se ofrece formación e asesoramento gratuítos a todos os galegos e galegas, pero centrándose, de xeito prioritario, nos colectivos que teñen máis dificultades para acceder á tecnoloxía.

Servizos do GaiásTech
O GaiásTech ofrece unha serie de servizos propios, como o    Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, que actualmente conta con máis de 350 entidades, máis de 1400 produtos e servizos e 78 tecnoloxías.


O centro permite a organización de actos, tanto presenciais como en liña, proporcionando o apoio necesario en todas as etapas do proceso, desde a cesión dos espazos, que Miguel Corgos visitou, como auditorios e aulas, ata o soporte na comunicación do evento, en infraestruturas ou técnico.