Volver ao contido

Notas de prensa

Nove de cada dez trámites coa Xunta realízanse online

Nove de cada dez trámites coa Xunta realízanse online

  • O Rexistro electrónico da Xunta en 2023 recibiu preto de 1,5 millóns de presentacións de solicitudes en 2023
  • Durante o pasado ano xeráronse máis de 800.000 expedientes de preto de 500 procedementos distintos na carpeta cidadá
  • Máis de 9.600 persoas empregaron o Rexistro de Apoderamentos para autorizar a alguén a facer trámites no seu nome
  • A aplicación XuntaEu suma máis de 34.000 descargas desde principios de ano

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2024.- Os avances na dixitalización reflíctense no uso dos servizos dixitais por parte da cidadanía. Nove de cada dez trámites coa Xunta realízanse de xeito electrónico, segundo se recolle no balance 2023 do III  Plan de Administración e Goberno Dixital 2025 que busca achegar a Administración á cidadanía e impulsar servizos adaptados ás necesidades das persoas.

Segundo o balance 2023 do plan, o Rexistro electrónico da Administración autonómica recibiu o pasado ano preto de 1,5 millóns de presentacións de solicitudes, escritos ou comunicacións, de parte de cerca de medio millón de persoas distintas.  

Para a atención presencial a Xunta conta con 170 Oficinas de atención á cidadanía e rexistro, que dixitalizan a documentación presentada presencialmente, informan a cidadanía sobre procedementos e xestións e asisten na presentación electrónica ás persoas que o solicitan. En 2023, incorporáronse na Administración máis de 27 millóns de documentos electrónicos e creáronse máis de 641.000 expedientes de 530 procedementos distintos.

Durante o pasado ano xeráronse na carpeta cidadá máis de 800.500 expedientes correspondentes a 474 procedementos distintos e foron incluídos na carpeta 3 novos servizos que ofrecen unha atención personalizada no marco do deseño do novo modelo do nodo de datos cidadáns. Esta iniciativa que se vén de anunciar o pasado mes de xullo permitirá aos galegos e as galegas consultar a situación de todos os seus trámites a través de carpeta cidadá e actualizar os seus datos nun punto único.

A través da sede electrónica realizáronse máis de 63.000 pagos de taxas asociados á presentación de trámites.

O sistema de identificación mediante Chave365 está a ser utilizado por máis de 1,5 millóns de persoas. Ademais, incorporouse o sistema Clav@ da Administración Xeral do Estado e a identificación europea IDAS, que permite a cidadáns doutros estados europeos a identificación electrónica cos seus sistemas nacionais. 

Hai tamén máis de 9.000 persoas que recorreron ao Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG) para autorizar a alguén para facer no seu nome os trámites administrativos.

A Xunta puxo a disposición das persoas interesadas máis de 1,7 millóns de notificacións, das que cerca de 1,2 millóns foron exclusivamente electrónicas. As persoas que recibiron estas notificacións foron máis de 580.000.

O balance tamén destaca que, dende a súa saída en 2023, a aplicación XuntaEu, que concentra as relacións da Administración coa cidadanía a través de dispositivos móbiles, foi descargada por máis de 35.000 persoas desde principios de anos. Desde XuntaEu pódese consultar a situación de expedientes, apoderamentos, citas, xestionar Chave365 e ter acceso a 16 carnés ou certificados. 

Ademais, a Xunta conta cun catálogo de 282 portais, 35 aplicacións para dispositivos móbiles e 432 canles en redes sociais.