Volver ao contido

Notas de prensa

Miguel Corgos pide ao goberno que traballe conxuntamente coas comunidades para axilizar o reparto e a execución dos fondos europeos

Miguel Corgos pide ao goberno que traballe conxuntamente coas comunidades para axilizar o reparto e a execución dos fondos europeos

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou na inauguración do seminario "Europa invierte en mi región"
  • Expuxo a necesidade de contar cunha planificación plurianual, onde se recollan os recursos dos que vai dispoñer cada administración, para mellorar a capacidade de xestión; así como coñecer o impacto territorial destas actuacións 
  • Propuxo tamén aplicar esta cogobernanza á totalidade de fondos destinados á industria, de xeito que o Goberno e as comunidades se poñan de acordo coa identificación de proxectos estratéxicos no conxunto de España en xeral e de Galicia en particular
  • Incidiu en que os fondos europeos de recuperación son unha gran oportunidade para saír máis fortes trala pandemia e transformar a economía galega coa fin de afrontar con éxito os retos futuros
  • Subliñou que Galicia aproveitará ao máximo, tal e como vén facendo, os máis de 3.200 millóns de fondos comunitarios de cohesión que recibirá no período 2021-2027

Vigo, 8 de xullo de 2022.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, pediu hoxe ao Goberno central que traballe conxuntamente coas comunidades para axilizar o reparto e a execución dos fondos europeos de recuperación.

 

Durante a inauguración do seminario "Europa invierte en mi región", Miguel Corgos recordou que, ata o momento, o Executivo central tan só autorizou o 30% dos recursos que as administracións autonómicas terán que xestionar, un dato que cualificou de preocupante, tendo en conta que a Comisión Europea asignou a España máis de 143.000 millóns de euros, dos que 77.000 millóns son a fondo perdido e teñen que estar comprometidos entre 2021 e 2023 para proxectos que deberán estar executados no 2026.

 

Neste sentido, o conselleiro de Facenda e Administración Pública expuxo a necesidade de contar cunha planificación plurianual, onde se recollan os recursos dos que vai dispoñer cada administración. Unha medida que permitiría mellorar a capacidade de xestión, ademais da aceleración da execución das axudas, ao contar cunha garantía de cobertura financeira. E afirmou que favorecería coñecer o impacto territorial destas actuacións e mellorar a complementariedade coas das comunidades. 

Ademais, propuxo aplicar esta cogobernanza á totalidade de fondos destinados á industria, de xeito que o Goberno central e as comunidades se poñan de acordo coa identificación de proxectos estratéxicos no conxunto de España en xeral e de Galicia en particular, intentando contribuír a unha política industrial que se adapte aos diferentes territorios.

 

Unha gran oportunidade para saír máis fortes
Miguel Corgos fixo fincapé en que os fondos europeos de recuperación son unha gran oportunidade para saír máis fortes trala pandemia e transformar a economía galega co fin afrontar con éxito os retos futuros.

 

Así mesmo,  subliñou que Galicia aproveitará tamén ao máximo, tal como vén facendo, os 3.261 millóns de euros de fondos comunitarios de cohesión que recibirá para o período 2021-2027, dos que a Xunta xestionará  directamente o 46%, é dicir, uns 1.500 millóns de euros. Toda a programación destas axudas está integrada no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, aprobado polo Goberno galego e que se acaba de presentar no Parlamento para tratar de consensuar o texto final cos grupos parlamentarios.

 

Ao respecto, lembrou que estes fondos comunitarios permitiron, por exemplo, en Vigo cofinanciar actuacións relacionadas coa mobilidade sostible, apoiando o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para o vehículo do futuro ou a construción da estación de autobuses intermodal, que está a punto de inaugurarse. Así como o apoio de infraestruturas e equipamentos sociais, con achegas para diversas actuacións no Hospital Álvaro Cunqueiro e no centro de saúde de Bouzas. E tamén serviron para fomentar a I+D+i en áreas como a biotecnoloxía, as TIC ou a investigación mariña.