Volver ao contido

Notas de prensa

Miguel Corgos anuncia que o Goberno galego revisará á alza a previsión do crecemento da economía para este ano elevando en dúas décimas a estimación do PIB ata o 2,1 %

Miguel Corgos anuncia que o Goberno galego revisará á alza a previsión do crecemento da economía para este ano elevando en dúas décimas a estimación do PIB ata o 2,1 %

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública compareceu hoxe no Parlamento para expoñer as 10 liñas estratéxicas do seu departamento
  • Subliñou que o primeiro compromiso é seguir aprobando, en tempo e forma, os orzamentos, que impulsarán a vivenda, as infraestruturas sanitarias e priorizarán a execución dos Fondos de Recuperación e Resiliencia 
  • Destacou o compromiso de manter a Galicia como un dos territorios nos que as rendas medias e baixas pagan menos impostos e cunha política económico financeira rigorosa, responsable e prudente, co fin de seguir reducindo a ratio débeda/PIB, ata o 15,4% PIB a finais deste ano
  • En materia de emprego público, afirmou que a Xunta continuará desenvolvendo procesos selectivos para afrontar o reto de renovación de efectivos e responder ás novas necesidades, coa previsión de convocar nos vindeiros catro anos máis de 4.000 novas prazas
  • Salientou que o Goberno galego seguirá traballando para que a Comunidade estea presente no mapa europeo das tecnoloxías de vangarda

 

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, anunciou hoxe no Parlamento que o Goberno galego revisará á alza a previsión do crecemento da economía para este ano, elevando en dúas décimas a estimación do PIB, do 1,9% que está nos actuais orzamentos, ata o 2,1%.

Na súa intervención na Cámara galega para expoñer as 10 liñas xerais de funcionamento do seu departamento, o titular de Facenda e Administración Pública reafirmou a aposta da Xunta por blindar a solvencia de Galicia e impulsar o crecemento sostible e o emprego. 

Miguel Corgos salientou que unha das fortalezas que caracteriza á Comunidade é a estabilidade política, institucional e financeira, que o Goberno galego está a reafirmar ano a ano. "Redobraremos os esforzos para que Galicia siga poñendo a estabilidade política ao servizo da cidadanía, siga sendo unha comunidade fiscalmente competitiva e siga fortalecendo a súa sustentabilidade financeira", dixo, en alusión aos principais retos para esta lexislatura.  

O conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou que o primeiro compromiso é seguir aprobando, como cada ano, en tempo e forma, os orzamentos para Galicia que, tal e como recolle a orde publicada no DOG o pasado 18 de xuño, impulsarán a vivenda, as infraestruturas sanitarias e priorizarán a execución dos Fondos de Recuperación e Resiliencia, no seu último exercicio completo, para dar cumprimentos aos fitos e obxectivos previstos. 

Outra liña estratéxica para esta lexislatura é, segundo explicou, manter a Galicia como un dos territorios nos que as rendas medias e baixas pagan menos impostos. Así, recordou que se acaba de aprobar a bonificación do Imposto de Sucesións para as herdanzas de ata 25.000 euros entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados e xenros. Ademais de seguir reforzando a loita contra a fraude fiscal, priorizando as medidas de prevención e facilitando a asistencia ao contribuínte.

O Goberno galego seguirá apostando, segundo Miguel Corgos, por unha política económico financeira rigorosa, responsable e prudente, co obxectivo de seguir reducindo aínda máis a ratio débeda/PIB, ata o 15,4% PIB a finais deste ano, e coa previsión de baixalo de maneira progresiva, medio punto cada exercicio durante toda esta lexislatura, ata rematala por debaixo do 14%. "Outra prioridade será que Galicia siga estando entre as comunidades á cabeza do período medio de pago", engadiu, recordando que o último dato publicado, correspondente ao mes de abril, sitúa a Galicia como a comunidade que paga máis axiña, en 13 días, menos da metade da media, que supera os 31 días.

Coordinación, complementariedade e sinerxías dos fondos europeos
En materia de fondos europeos, recordou que Galicia ten demostrado o seu exemplar comportamento na execución dos recursos comunitarios. "Nesta lexislatura executaremos con axilidade ao completo o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Next Generation), pese á falta de cogobernanza do Goberno central coas CC.AA.", avanzou, subliñando que a Xunta, ata o mes de marzo, publicou convocatorias por 1.107 millóns, das que adxudicou 1.007 millóns, un 91 % do convocado.

O titular de Facenda e Administración Pública aproveitou a súa intervención para demandar novamente unha maior capacidade de xestión dos fondos europeos e asegurou que a Xunta promoverá a coordinación, complementariedade e sinerxías destes recursos.

O Plan Estratéxico como folla de ruta
En materia de planificación, explicou que os obxectivos fixados para o orzamento de 2025 continuarán a ter o Plan Estratéxico como horizonte das liñas de investimento e gasto. Unha folla de ruta que establece as prioridades e retos para esta década: acadar no ano 2030 a práctica converxencia con España en termos de renda bruta dispoñible e superar o 90% do PIB per cápita da Unión Europea; aumentar un 10% a taxa de ocupación, rebaixar a taxa de paro ata o 8%, reducir á metade o desemprego xuvenil e diminuír 6 puntos a temporalidade; ademais de eliminar as fendas de xénero, cunha equiparación das taxas de ocupación feminina e masculina.

Respecto ao emprego público, Miguel Corgos afirmou que o Goberno galego continuará desenvolvendo procesos selectivos para afrontar o reto de renovación de efectivos e responder ás novas necesidades, coa previsión de convocar nos vindeiros catro anos máis de 4.000 novas prazas. Ademais de culminar a estabilización do persoal empregado público, con máis de 6.000 persoas beneficiadas, co que a taxa de temporalidade quedará no entorno do 7%.

A Administración autonómica da terceira década do século XXI
Ao longo da súa comparecencia, o conselleiro de Facenda e Administración Pública referiuse tamén á necesidade de afondar na modernización dos procedementos e dos servizos prestados aos cidadáns, de cara á Administración autonómica da terceira década do século XXI. Unha administración capaz de ir incorporando cada vez máis procedementos activos, de xeito que sexa esta a que, de oficio, lle facilite os trámites ás persoas beneficiadas dos mesmos.

Así mesmo, destacou que nesta lexislatura continuarase coa política de redución, racionalización e aforro en alugueiros e de aproveitamento do patrimonio propio da Administración autonómica. A iniciativa reducirá o gasto en alugueiros ao entorno de 1,5 millóns de euros; é dicir, a menos dunha cuarta parte do que se gastaba en 2009.

Miguel Corgos salientou que o Goberno galego seguirá ademais traballando para que a Comunidade estea presente no mapa europeo das tecnoloxías de vangarda: posicionándoa como rexión punteira en intelixencia artificial ética e fiable; reforzando de forma integral a ciberseguridade en Galicia, coa implicación de administracións, empresas e cidadanía, e apostando por unha xestión intelixente do dato. O conselleiro destacou que o Goberno galego deu luz verde onte mesmo ao anteproxecto da Lei de Intelixencia Artificial, situando a Galicia na primeira rexión europea que a regula.

Para rematar, o titular de Facenda e Administración Pública incidiu na necesidade de revisar o sistema de financiamento autonómico. "O Goberno galego ten clara a súa posición desde o ano 2015 e así está expoñéndoo de maneira reiterada en todos os foros aso que asiste", dixo, recordando os cinco puntos sobre os que pivota: negociación multilateral, suficiencia de recursos, asignación do custe de servizos de maneira equitativa entre comunidades, autonomía fiscal e corresponsabilidade fiscal. O conselleiro finalizou a súa comparecencia insistindo en que o Goberno galego seguirá mantendo unha posición forte na defensa dos intereses de Galicia.