Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia é a primeira Comunidade Autónoma na que o Parlamento autoriza o teito de gasto para 2025

Galicia é a primeira Comunidade Autónoma na que o Parlamento autoriza o teito de gasto para 2025

Santiago de Compostela, 31 de xullo.- Galicia converteuse hoxe na primeira comunidade autónoma na que o Parlamento autoriza o teito de gasto para 2025, logo de que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, o presentase esta mañá na Cámara galega. 

Durante a súa intervención, Miguel Corgos explicou que se trata dun teito de gasto elaborado a partir de previsións prudentes, seguindo as novas regras fiscais europeas e co incremento da máxima capacidade de gasto, que reafirma, dixo, o compromiso coa sostenibilidade das finanzas públicas e co impulso do crecemento e o emprego. 

"Todo isto para seguir reforzando os servizos públicos, seguir axudando ás familias e ás empresas, seguir favorecendo os investimentos que apoien o crecemento económico e cun especial pulo ás políticas de vivenda", afirmou, asegurando que, ao igual que no orzamento presente, non haberá endebedamento neto por segundo ano consecutivo. 

"Para 2025 temos un límite de gasto non financeiro no que os recursos autonómicos, atendendo á taxa de referencia, medran un 3,2%, ata os 11.419M€; o límite de gasto ordinario aumenta un 3%, ata os 13.492M€; e o límite de gasto total, o ordinario, sumado os Fondos Next Generation, increméntase nun 2,5%, ata os 13.954 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da Comunidade", precisou, a modo de resumo. 

Unha mellor evolución postpandemia que a media de España
Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta actualizou con prudencia o seu cadro macroeconómico para este exercicio, mellorando tanto a estimación de crecemento do PIB como a taxa de paro para este 2024.

En canto ao crecemento da economía galega, o Goberno autonómico prevé un avance de dúas décimas sobre o inicialmente estimado, ao pasar do 1,9% fixado nos orzamentos en vigor, ao 2,1%. Unha suba que se debe a unha mellor evolución do saldo exterior, que achegará medio punto ao crecemento.

Respecto á taxa de paro, cómpre salientar que a Xunta xa conseguiu reducila do 10% por primeira vez desde hai 15 anos e, para este 2024, prevé que a media do ano se sitúe ata o 9,2%, dúas décimas menos do estimado inicialmente.

Para o ano 2025 seguirase a consolidar esa senda económica, encadeando así cinco anos de crecemento sostible, cun avance do PIB do 1,8% e unha taxa de desemprego que seguirá baixando, ata o 9,1%.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, resaltou que, con estas previsións, a economía de Galicia mantén un crecemento sostido e manterá unha mellor evolución postpandemia que a media de España. 
Coa aprobación do teito de gasto na Cámara, o Goberno galego comeza a deseñar os Orzamentos de 2025, co obxectivo de que, un ano máis, se aproben en tempo en forma, cumprindo cos compromisos de estabilidade e previsibilidade que a Xunta adquiriu cos galegos e coas galegas.