Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia contará cunha información estatística máis completa que permitirá tomar decisións estratéxicas e concluíntes á administración, ás empresas e cidadáns

Galicia contará cunha información estatística máis completa que permitirá tomar decisións estratéxicas e concluíntes á administración, ás empresas e cidadáns

  • Unha nova Lei de Estatística reforzará a capacidade do Instituto Galego de Estatística (IGE) para acceder á información administrativa e integrala en bases de datos 
  • A normativa permitirá aumentar as sinerxías, racionalizar custos, evitar a duplicidade na consulta de datos aos cidadáns e  responder de xeito máis eficaz ás demandas de información

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024.- Galicia contará cunha información estatística máis completa que permitirá tomar decisións estratéxicas e concluíntes tanto á Administración pública como ás empresas e os cidadáns. Así se desprende do anteproxecto da nova Lei de Estatística de Galicia aprobada hoxe polo Consello da Xunta. Unha iniciativa que segundo explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afondará na capacidade do Instituto Galego de Estatística (IGE) para acceder á información administrativa e integrala en bases de datos.

A nova lei permitirá xerar información de maior calidade e fiabilidade, pegada ao territorio e próxima ao cidadán, aumentando as sinerxías, racionalizando custos e respondendo de xeito máis eficaz ás demandas de información da sociedade. Afondará deste xeito na transparencia, na calidade e na accesibilidade dos datos.

A información como recurso estratéxico
Un dos cambios da nova Lei é que pasa a considerar os rexistros e sistemas de información recursos estratéxicos, o que reforza a capacidade do IGE para acceder á información recollida nos rexistros administrativos e integrala en bases de datos. 

Isto permitirá diminuír a carga de respostas dos cidadáns, aos que non se lles solicitarán datos cos que xa conta a Administración. O obxectivo é reducir duplicidades, economizando tempo e recursos e aumentando os estándares de calidade da información.

Novas tecnoloxías
A nova lexislación actualiza a lei 9/1988 de Estatística de Galicia vixente desde fai 35 anos, que deu soporte aos seis plans desenvolvidos polo sistema estatístico galego, o último aínda en desenvolvemento (2022-2026). 

Nas últimas décadas apareceron novas fontes de información, así como os potentes métodos de tratamento de datos, baseados no big data e na IA que permiten reforzar a colaboración e os fluxos de datos estatísticos entre os distintos niveis da administración, así como incrementar a difusión e o acceso aos recursos estatísticos que se xeran. 

A nova lexislación afondará na normalización das perspectivas de xénero e idade, para achegar información máis precisa e axeitada ás cuestións demográficas. Isto permitirá, ademais, realizar desagregacións territoriais que non eran posibles ata o momento.

Tamén vai regular de xeito máis precisa o segredo estatístico tanto para os cidadáns como para as empresas, establecendo mecanismos que permitan compatibilizar o tratamento dos datos con fins estatísticos, sobre todo para contar con información inmediata en situacións de emerxencia social,  coa protección de datos persoais e a cesión de datos protexidos.

Ampliarase o Consello Galego de Estatística con dous representantes da Administración do Estado, un deles designados polo INE, para darlle máis relevancia na interpretación do segredo estatístico e na proposta das estatísticas a efectuar. 

Avaliación das políticas do sector público
A futura lei reforzará a conexión do sistema estatístico coa planificación pública, para deseñar e avaliar as políticas deste sector e programar novas iniciativas. Facilitará así mesmo a investigación científica, ao favorecer o acceso dos investigadores a datos estatísticos protexidos, baixo protocolos que preserven a súa confidencialidade. 

A modificación normativa contempla aos usuarios e informantes como peza clave da estatística galega, así como a  difusión de balde na páxina web de estatísticas reutilizables e cun calendario e información adicional que facilite a súa interpretación, poñendo así a disposición da sociedade datos que permitan tomar decisións informadas a particulares e empresas, ademais da Administración.

O texto non esquece incidir na independencia profesional do persoal estatístico, poñendo o énfase na imparcialidade, obxectividade e transparencia, así como na confidencialidade dos datos achegados polos cidadáns e as empresas.