Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta reforza a Formación Profesional en ciberseguridade con oito novos másteres e 200 prazas máis para o vindeiro curso

A Xunta reforza a Formación Profesional en ciberseguridade con oito novos másteres e 200 prazas máis para o vindeiro curso

  • Os cursos de especialización nesta materia pasan de 6 a 14, e impartiranse en centros das catro provincias
  • O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a directora de Formación Profesional presentaron hoxe os másteres nunha xornada en Ourense

Ourense, 26 de xuño de 2024.- A Xunta reforza a especialización en ciberseguridade na Formación Profesional con 14 másteres e 340 prazas para o curso 2024/2025. Esta oferta formativa supón un incremento de 8 cursos de especialización e 200 prazas, ademais de ampliar o alcance xeográfico desta formación, que agora se impartirá en centros das catro provincias. O cursos foron presentados esta mañá en Ourense polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Julián Cerviño, e a directora xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Eugenia Pérez.

A ampliación desta formación busca dar resposta a elevada demanda destes perfís por parte do sector tecnolóxico. Son dous os cursos de especialización ofertados: Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información e Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación, que se impartirán en modalidade presencial e online en centros da Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense, Marín, A Estrada, Vilagarcía, Lugo e Monforte. 

Este reforzo da especialización en ciberseguridade na FP é unha das liñas de actuación do Proxecto Galego de Programas Superiores de Formación en Ciberseguridade, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Educacion, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e conta cun investimento total de 2,5 millóns de euros que permitirá dotar aos centros cos equipamentos de última tecnoloxía neste ámbito. 

A iniciativa abrangue, tamén, a creación dun espazo de alta especialización en ciberseguridade  no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros para conseguir a máis alta formación e especialización do profesorado e a xeración de proxectos de I+D+i que sexan de transferencia directa ás empresas e institucións. 

O   Proxecto Galego de Programas Superiores de Formación en Ciberseguridade enmárcase  nas actuacións do programa RETECH (Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica) e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea con fondos Next Generation.

O director da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, sinalou que que os especialistas en ciberseguridade "son un dos perfís máis demandados polo sector tecnolóxico" e que "todas as organizacións", dende as administracións públicas ás empresas de tódolos tamaños, "precisan cada vez máis profesionais que velen pola seguridade da súa información."

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, salientou que desde o seu departamento se está traballando para "responder a todos os ámbitos onde xorden necesidades" como é o caso do da ciberseguridade, cunha oferta reforzada  para "dar resposta á demanda de profesionais que garantan a seguridade das persoas e dos procesos produtivos".