Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta pon en marcha unha nova convocatoria de bonos para subvencionar a conexión a internet a preto de 5.000 persoas vulnerables

A Xunta pon en marcha unha nova convocatoria de bonos para subvencionar a conexión a internet a preto de 5.000 persoas vulnerables

  • Esta terceira liña de axudas conta cun orzamento de 1,16 millóns de euros 
  • As axudas están destinadas tanto á contratación como ao mantemento de servizos de banda ancha cunha velocidade mínima de 30 Mpbs durante un ano
  • Os bonos permitirán unha redución mensual de ata 20 euros no custe do servizo e poderán solicitarse ata o 30 de setembro, previa publicación da convocatoria no DOG

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024-. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a terceira convocatoria dos bonos dixitais para facilitar a contratación e mantemento de servizos de internet a familias e persoas vulnerables. Enmarcada no Programa estatal UNICO Bono Social, financiado pola Unión Europea no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, esta nova liña de axudas conta cun orzamento de 1,16 millóns de euros que permitirá acadar os 4.844 beneficiarios.

O obxectivo dos bonos dixitais é facilitar a familias ou persoas vulnerables a contratación ou o mantemento das liñas de conexións á banda larga cunha velocidade mínima de 30Mbps. As axudas reducirán o custe mensual de factura ata 20 euros durante un ano cun importe total máximo de 240 euros.

A novidade desta terceira convocatoria é que o Goberno de España, como resultados das peticións reiteradas desde 2022 de distintas comunidades autónomas entre a que se atopa Galicia, permite agora a subvención dos servizos xa contratados nos fogares sen necesidade de realizar novas altas.

Os beneficiarios destas subvencións son persoas cunha renda anual inferior ao 125% do IPREM, en caso de non ter menores na unidade familiar; ou ao 175% en caso de telos. Son, fundamentalmente, beneficiarios de Risga, do Ingreso Mínimo Vital, así como outras familias con poucos recursos ou en risco de exclusión social. Os bonos poderán solicitarse ata o 30 de setembro deste ano.

Nova convocatoria en 2024
A Xunta lamenta que debido ao deseño do Programa ÚNICO, fixado de xeito unilateral polo Goberno central sen ter en conta as características e necesidades de cada comunidade, nas convocatorias dos anos 2022 e 2023 concedéranse unicamente 900 bonos dixitais por importe de 216.000 euros.

Por esa razón, o Goberno galego prevé lanzar unha nova convocatoria dos bonos dixitais este ano, xa que aínda dispón de 1.162.560 euros dos 1.378.560 euros transferidos polo Estado, o que confirma a falta de adecuación dos obxectivos dos fondos ao que realmente precisa a poboación. Isto complica a execución dos programas en tempo e forma, polo que a Xunta insiste na petición feita no marco da Conferencia sectorial para a Transformación dixital do pasado mes de maio para ampliar o prazo e adaptar as actuacións e poder deste xeito executar adecuadamente os proxectos para a mellora da conectividade.

Os bonos dixitais son unha das medidas predefinidas polo Goberno de España para a mellora da conectividade no territorio. Ademais desta liña de axudas para colectivos vulnerables, este ano a Xunta porá en marcha novas convocatorias do Programa ÚNICO no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través do cal Galicia recibe 19,1 millóns de euros da Unión Europea. Concretamente, convocaranse as correspondentes liñas de axudas para o reforzo da conectividade en polígonos industriais e centros loxísticos e para a mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios.