Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta garante que os Orzamentos de 2025 permitirán cumprir cos retos que demandan os cidadáns malia a decepción polo resultado do CPFF

A Xunta garante que os Orzamentos de 2025 permitirán cumprir cos retos que demandan os cidadáns malia a decepción polo resultado do CPFF

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública incide na falta de certezas para establecer os plans financeiros das comunidades 
  • Manifesta que as comunidades non coñecen as entregas a conta do vindeiro ano, necesarias para elaborar o teito de gasto, que Galicia prevé presentar a finais deste mes
  • Miguel Corgos pide que, paralelamente, o sistema de financiamento se revise tendo en conta tamén aos concellos, para dar resposta ás súas necesidades 

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, garantiu hoxe que os Orzamentos de 2025 permitirán cumprir cos retos que demandan os cidadáns malia a decepción polo resultado do Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF).

Durante a súa comparecencia en rolda de prensa para explicar os resultados da reunión do CPFF, que tivo lugar onte luns, Miguel Corgos fixo fincapé na "sensación de decepción", ante a falta de certezas para establecer os plans financeiros das comunidades. "Para nós era moi importante contar cunha folla de ruta de como ían evolucionar as finanzas públicas para ver, á súa vez, como van evolucionar as grandes políticas de gasto que xestionamos as comunidades", explicou, incidido na importancia de blindar a senda de crecemento para desenvolver as políticas que son competencia das CC.AA.

Nesta mesma liña, lamentou que a ministra de Hacienda y Función Pública confirmase o feito de que as entregas a conta para este ano non se paguen ata o mes de setembro, o que fará que a Comunidade siga co desfase que ten entre ingresos e gastos este ano. Un desfase que, segundo precisou, se agrandará este mes de xullo, coa actualización das retribucións dos empregados públicos da C.A. 

Así mesmo, recordou que as comunidades non coñecen as entregas a conta do vindeiro ano, necesarias para elaborar o teito de gasto, que Galicia prevé presentar a finais deste mes.

No que se refire ao obxectivo de endebedamento, o conselleiro de Facenda e Administración pública recordou que as Comunidades Autónomas poderán incorrer nun déficit máximo do 0,1 % do PIB en 2025, o que supón dúas décimas de marxe fiscal respecto á anterior senda. Neste marco, incidiu en que Galicia se abstivo na votación por responsabilidade, para evitar o escenario de superávit, a pesar de ser un reparto desigual entre o Goberno central e as CC.AA. Así mesmo, lembrou que o Ministerio tampouco explicou como afectarán as novas regras fiscais europeas que obrigan de forma distinta aos países membros.  

"O que se ofreceu foi en termos da vella gobernanza fiscal, dos vellos obxectivos de estabilidade axustados a feitos; un obxectivo que non se corresponde co peso do gasto das Administración Autonómicas", dixo, precisando que o que se presentou foi que a Administración central se reserva un 94% da capacidade de endebedamento e as comunidades só un 4%.

Miguel Corgos salientou que non se teña avanzado tampouco na reforma do sistema de financiamento autonómico. Un modelo, dixo, superado pola antigüidade, que non se fai ás novas circunstancias que rexen á economía hoxe e que cada vez achega menos recursos dos que precisan as comunidades. 

Sobre este punto, o conselleiro de Facenda e Administración Pública pediu que, paralelamente, o sistema de financiamento se revise tendo en conta tamén aos concellos, para dar resposta ás súas necesidades.

"É preciso unha reformulación en base ás particularidades e necesidades de cada unha das comunidades", concluíu, insistindo na necesidade de que o Goberno central elabore unha proposta de financiamento global, que atenda a uns obxectivos consensuados entre todas as comunidades.