Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta garante por lei o impulso a unha intelixencia artificial centrada na cidadanía e na igualdade de oportunidades

A Xunta garante por lei o impulso a unha intelixencia artificial centrada na cidadanía e na igualdade de oportunidades

  • O anteproxecto de lei garante a supervisión humana nos procedementos que empreguen esta tecnoloxía 
  • O Goberno galego favorecerá o desenvolvemento da IA na Comunidade con medidas de apoio económico para as empresas e de capacitación dixital 
  • A regulación da IA en Galicia axudará a rachar coa fenda territorial e achegar as novas tecnoloxías ás galegas e aos galegos vivan onde vivan

 

A futura Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial (IA) en Galicia establece o marco xurídico para facilitar a adopción desta tecnoloxía na Administración xeral da comunidade e no seu sector público de xeito seguro, fiable e centrado na cidadanía. Así se recolle no documento que foi presentado hoxe ao Consello da Xunta  pola Consellería de Facenda e Administración Pública, como paso previo ao inicio da súa tramitación parlamentaria.

Con esta lei, Galicia sitúase á vangarda das rexións europeas para dispoñer dunha IA segura que salvagarde os dereitos das persoas, que mellore a eficacia da Administración na súa relación coa cidadanía e que impulse o desenvolvemento desta tecnoloxía no ecosistema dixital galego e no tecido produtivo da Comunidade. 

Salvagarda dos dereitos das persoas
A futura lei garante que un ser humano supervise os procedementos nos que se empregue a intelixencia artificial sempre que o requiran. Ademais, os sistemas de IA empregados no sector público autonómico deberán ser auditables, trazables e entendidos por todas as persoas e estarán accesibles nun rexistro público, que recollerá toda a información do seu ciclo de vida, desde o deseño ata a desactivación. 

O anteproxecto contempla a creación da figura do comisionado en IA, que será a persoa encargada de velar polos intereses da cidadanía e os valores éticos dos sistemas. 

Relación da Administración coa cidadanía
O emprego da Intelixencia artificial estará orientado a ofrecer unha atención personalizada que teña en conta as circunstancias e necesidades de cada persoa, sen prexuízos. A regulación da IA en Galicia facilitará o achegamento da Administración á cidadanía e a igualdade de oportunidades nas áreas rurais, axudando a rachar coa fenda territorial e achegar as novas tecnoloxías ás galegas e aos galegos vivan onde vivan.

O anteproxecto recolle o dereito da cidadanía a recibir explicacións sobre decisións ou recomendacións tomadas polos sistemas de IA e a esixir a intervención dun empregado público no proceso. A Xunta probará e asegurará a eficacia e seguridade dos sistemas antes de implantalos na Administración.

Os proxectos de IA serán seguidos pola Oficina de Intelixencia Artificial, de nova creación, que coordinará a elaboración e actualización de guías para o uso de sistemas de IA e asesorará de forma continua sobre as tendencias en IA que permitan definir e desenvolver iniciativas innovadoras en Galicia.

Ademais, a futura lei establece a creación do Consello Galego de Intelixencia Artificial, un foro estratéxico, máximo órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento nesta materia formado por membros da Administración autonómica, as universidades, os colexios profesionais e o sector tecnolóxico.

Impulso da IA no ecosistema dixital e no tecido produtivo
A lei contemplará, tamén, unha serie de medidas para consolidar Galicia como rexión de referencia en Europa en IA. A Comunidade contará cunha serie de apoios económicos específicos para as empresas tecnolóxicas que fomenten o seu desenvolvemento. Ademais, a Xunta creará programas de incubación, aceleración e consolidación de empresas emerxentes de IA. Abre ademais o camiño para que a Xunta poña ao dispor das Pemes ferramentas de auto-diagnose gratuítas sobre sistemas de intelixencia artificial.

Tamén se fomentará o investimento empresarial en solucións de intelixencia artificial e fondos de apoio á I+D+i neste ámbito. A lei prevé que poidan ser declarados de interese autonómico proxectos de IA adaptados ás necesidades de desenvolvemento rexional. Así mesmo, impulsarase a posta en marcha de Factorías Rexionais de intelixencia artificial en torno ás infraestruturas do Centro de Supercomputación de Galicia.

No ámbito da capacitación, a Administración autonómica impulsará programas de apoio á formación do tecido produtivo, así como formación específica en IA para mellorar o horizonte laboral das persoas desempregadas e o respaldo á formación universitaria para favorecer a creación e retención de talento.