A Xunta evoluciona os sistemas de información que xestionan as iniciativas vinculadas ao programa de desenvolvemento rural
- O Consello da Xunta autorizou hoxe a licitación dun contrato por un importe de 5,1 millóns de euros para actualizar e mellorar as aplicacións e os sistemas informáticos que dan soporte aos proxectos financiados con fondos Feader
- Abranguen sistemas de xestión do eido da calidade e a innovación agroalimentarias, de axudas de melloras das explotacións agrarias, da prevención de incendios, de melloras e traballos forestais, da medida Leader, da concentración parcelaria ou dos procedementos de recuperación da terra agraria, entre outros
O Consello da Xunta autorizou hoxe a licitación dun contrato que posibilitará a evolución, mellora e soporte dos sistemas de información cos que se xestionan as iniciativas do Programa de Desenvolvemento Rural, financiadas co Fondo de Desenvolvemento Rural (FEADER). Estes sistemas garanten a trazabilidade na tramitación destes fondos así como o rexistro, tramitación e notificación das diferentes actuacións administrativas que implican.
A disposición destes sistemas de información é unha das esixencias da Unión Europea, que na Administración autonómica vén desenvolvendo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica en colaboración coa Consellería do Medio Rural.
O contrato autorizado hoxe, que se publicará nos vindeiros días na Plataforma de Contratos da Xunta, prevé un orzamento de 5,1 millóns de euros ata 2025 que permitirán a mellora, mantemento e soporte dos sistemas que xestionan a contabilidade dos fondos agrícolas europeos que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA); as axudas forestais e de prevención de incendios; os indicadores das axudas e proxectos Feader: os procesos de concentración parcelaria; as aplicacións de xestión de distintas axudas da Axencia Galega de Calidade Alimentaria; as melloras estruturais das explotacións agrarias; as axudas derivadas da aplicación da metodoloxía Leader e os procedementos vinculados á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
Para optimizar os diferentes desenvolvementos o contrato está divido en tres lotes que agrupan os sistemas que, pola súa natureza e implicacións tecnolóxicas, permitirán unha xestión máis eficiente ao reaproveitar códigos, módulos ou librarías.
O desenvolvemento destes sistemas é froito dun acordo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a dotación de tecnoloxías de información e comunicación no ámbito da medida 20 do programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014_20, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).