Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta activa as axudas á conectividade do Programa Unico para persoas vulnerables, polígonos e edificios

A Xunta activa as axudas á conectividade do Programa Unico para persoas vulnerables, polígonos e edificios

  • Os bonos dixitais permiten unha redución mensual de ata 20 euros no custe do servizo e poden solicitarse ata o 30 de setembro
  • As pemes e micropemes situadas en polígonos ou áreas loxísticas terán unha subvención de ata o 80% para acceder a conexións de 1Gbps 
  • Os edificios que non dispoñan dunha infraestrutura común de telecomunicacións poderán solicitar axudas de ata o 100% para a adaptación das instalacións
  • Galicia sumouse na Conferencia sectorial de maio ás CC.AA. que piden ao Goberno do Estado adaptar as actuacións para acadar un maior número de beneficiarios

 

A Xunta de Galicia ten xa activadas as liñas de axuda para facilitar a conexión a internet dos colectivos vulnerables e, nos vindeiros días, publicará no Diario Oficial de Galicia as destinadas ao reforzo da conectividade en polígonos empresariais e edificios. Son axudas enmarcadas no Programa UNICO, cuxos requisitos están predefinidos polo Goberno do Estado. 

Os bonos dixitais pódense solicitar desde o pasado 28 de xuño e ata o 30 de setembro. Están destinados a facilitar a familias ou persoas vulnerables a contratación ou o mantemento das liñas de conexión á banda longa cunha velocidade mínima de 30Mbps. As axudas reducen o custe mensual da factura en ata 20 euros durante un ano cun importe total máximo de 240 euros. É a terceira convocatoria destas axudas e conta cun importe de 1,16 millóns de euros. 

Nos vindeiros días publicaranse as segundas convocatorias das liñas de axudas para a mellora da conectividade en polígonos industriais e en edificios. As primeiras están destinadas a dotar de conexións de 1Gbps a empresas (micropemes e pemes) situadas en polígonos industriais, centros loxísticos ou outras áreas de alta concentración empresarial. As empresas poderán subvencionar ata o 80% do custo do proxecto, cun importe máximo de 60.000 euros por solicitude. O orzamento destinado a esta convocatoria é de 4,5 millóns de euros. 

Os edificios construídos antes de 2001, que non dispoñan dunha infraestrutura común de telecomunicacións (ICT), poderán acceder nos vindeiros días a unha nova convocatoria de axudas, que contempla a subvención de ata o  100% dos investimentos, para adaptar as súas instalacións de telecomunicacións cun máximo de 23.800€, de 21.000€ ou de 16.000€ en función do alcance da instalación. Esta liña de axudas conta cun investimento de 4,1 millón de euros.

Convocatorias 2024
Con estas novas convocatorias a Xunta busca incrementar o numero de beneficiarios das convocatorias de 2022 e 2023. Estas axudas enmárcase no Programa ÚNICO, cuxos requisitos foron definidos de xeito unilateral polo Goberno central, sen ter en conta as características e necesidades de cada comunidade. Na última Conferencia sectorial, celebrada o pasado mes de maio, as comunidades trasladaron ao Estado a necesidade de ampliar o prazo e adaptar as actuacións para acadar o maior número de beneficiarios posibles.