Volver ao contido

Notas de prensa

A contratación de internet crece en tres anos máis dun 20% nos concellos galegos de menos de 5000 habitantes

A contratación de internet crece en tres anos máis dun 20% nos concellos galegos de menos de 5000 habitantes

  • A porcentaxe de fogares con este servizo contratado nestes municipios roza o 90%, aproximándose ao 94,3% da media galega
  • O uso de internet entre as persoas de 65 a 74 anos increméntase en máis dun 27% entre 2020 e 2023
  • Preto do 64% dos galegos e galegas merca online e máis do 78% dos internautas empregan a banca electrónica 

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2024.- O 94,3% das familias galegas dispón de acceso a Internet no fogar. Entre 2020 e 2023, a porcentaxe de fogares galegos con conexión a Internet aumentou un 4,4%, mentres a media europea fíxoo no 2,3%. O aumento foi especialmente significativo nos concellos con menos de 5.000 habitantes, onde se produciu un crecemento do 20,5% neste mesmo período. 

A porcentaxe de usuarios de Internet nos últimos tres meses chega ao 91,5%, o que representa aumento do 2,5% en comparación co 2022. O crecemento máis significativo prodúcese no tramo de idade de entre 65 e 74 anos, no que o uso de internet increméntase un 27,5%. 

Os datos corresponden ao estudo Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2023 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. 

Conexión a internet nos fogares
En 2023 un total de 890.005 fogares galegos tiña contratada unha conexión de Internet, o que supuxo un incremento de 36.545 fogares desde 2020.

Os concellos que rexistraron o maior incremento na contratación deste servizo foron os de menos de 5.000 habitantes, cunha porcentaxe de 89,7% no 2023 (un 3,7% respecto ao ano anterior), o que supuxo un total de 3.815 fogares máis con internet contratada no último ano.

Tamén se rexistrou un importante aumento na porcentaxe de fogares con conexión a Internet de máis de 100 Mbps, situándose no 32,7% en 2023 fronte ao 27,2% que rexistraba no ano 2020.

A dixitalización dos fogares galegos segue incrementándose no 2023
No 2023, o 79,1% do total de fogares galegos dispoñen de ordenador de sobremesa, portátil ou tablet. O maior crecemento ven dado polos ordenadores portátiles, un 1,7% máis que o ano anterior, e que están presentes no 61,1% dos fogares galegos.

Ademais, o 27,8% dos fogares galegos dispoñen dalgún dispositivo electrónico intelixente o que supón un incremento relativo do 59,7% respecto ao ano anterior. Tamén aumentan nun 50% os dispositivos de seguridade con conexión a internet, nun 20,2% os altofalantes intelixentes e nun 12,6% os fogares con smart tv. 

O dispositivo electrónico máis estendido entre os galegos e galegas é o smartphone, do que dispón o 92,6% da poboación galega. O seu uso é universal nas persoas de 16 a 44 anos mentres que, entre as persoas maiores de 64 anos sitúase  no 70,3%.

A dixitalización da cidadanía galega segue en aumento
O número de internautas aumenta 2,5% respecto ao ano anterior. O 91,5% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, o que implica un incremento de 70.070 internautas nos últimos catro anos.

A fenda dixital en función da idade está a diminuír ano tras ano, e é importante destacar un notable aumento no nivel de dixitalización entre as persoas de 65 a 74 anos, cunha porcentaxe de usuarios de internet do 65,9%.

Usos de internet
Respecto ao uso da rede en 2023, un 63,9% dos galegos e galegas realizou compras por internet,  5,3% máis que o ano anterior. Esta porcentaxe increméntase ata o 90,6% entre os mozos e mozas con idades entre os 25 e 34 anos.

No que respecta á administración electrónica, o 85,2% dos internautas  empregárona para buscar información e o 80,8% enviaron formularios cubertos ás Administracións Públicas a través da Rede, cun incremento do 3,1% respecto á edición anterior.

Ademais, respecto a outros usos de internet o estudo sinala que o 98,5% dos galegos e galegas que emprega internet usa mensaxería instantánea; o 88,6% busca información sobre bens e servizo; o 86,6% recibe ou envía correos electrónicos , o 81,7% le noticias, xornais ou revistas en liña, un 79,6% realiza chamadas por internet ou videoconferencias; e un 78,4% emprega a banca electrónica.

Ciberseguridade

O 63,1% das persoas que usaron Internet nos últimos 12 meses actualizan periodicamente, de xeito automático ou manual, algún dos seus produtos de seguridade. O estudo sitúa  nun 14,4% a porcentaxe dos internautas galegos que sufriron algún incidente de ciberseguridade no último ano.

Os resultados detallados do informe Galicia: A nosa vida en dixital poden ser consultados en OSIMGA.GAL.