Volver ao contido

Notas de prensa

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Cruz Vermella impulsan a capacitación dixital da cidadanía cos obradoiros itinerantes de Enredando Tour

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Cruz Vermella impulsan a capacitación dixital da cidadanía cos obradoiros itinerantes de Enredando Tour

  • A nova edición desta iniciativa, que comeza hoxe en Noia, percorrerá 20 localidades galegas ata setembro 
  • A aula móbil ofrecerá demostracións e capacitación dixital sobre IA, realidade virtual, seguridade en internet ou a realización de trámites online 
  • As actividades están especialmente dirixidas ás persoas de 55 anos ou máis 

Noia (A Coruña), 12 de xullo de 2023.- O Concello de Noia acolleu hoxe a primeira xornada de Enredando Tour, a iniciativa impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Cruz Vermella para facilitar a capacitación dixital da sociedade e reducir fendas no uso da tecnoloxía. Ata o mes de setembro, Enredando Tour percorrerá un total de 20 localidades galegas cun programa formativo itinerante, orientado especialmente a persoas de 55 anos ou máis.

Esta xornada de arranque contou coa visita do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Julián Cerviño; do vicepresidente de Cruz Vermella en Galicia, Andrés Ríos e da a responsable da Unidade de Innovación de Cruz Vermella en Galicia, Trini de Lorenzo. 

O responsable da Axencia autonómica lembrou que unha das prioridades das políticas tecnolóxicas da Xunta é consolidar unha "sociedade dixital e inclusiva" e neste sentido destacou o "papel da Rede CeMIT, redución da fenda dixital nos tramos de idade nos que era máis acusada en Galicia". Os últimos datos do INE sinalan que preto do 68% os galegos e galegas de 65 a 74 anos empregan internet de xeito habitual, unha porcentaxe que no 2020 non chegaba ao 50%.

Talleres de capacitación dixital e menús formativos
O Enredando Tour percorrerá de novo Galicia cunha furgoneta equipada con diferentes dispositivos tecnolóxicos e ofrecerá obradoiros impartidos por persoal especializado e voluntariado de Cruz Vermella que se desenvolverán de 10 a 14 horas para mellorar habilidades básicas como aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo, enviar mensaxes ou facer videochamadas.

Ademais, nesta edición incorpóranse novos contidos sobre aplicacións que empregan intelixencia artificial e conceptos como a realidade inmersiva (para o que poderán probar lentes de realidade virtual). Por outra banda, realizaranse sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e á ciberseguridade, que serán en horario de tarde, de 17 a 18:30 horas.

Localidades e sorteos especiais 
En cada unha das localidades realizarase un sorteo especial dun portátil ou unha tableta entre os participantes dos talleres. As persoas interesadas nas actividades de Enredando Tour poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.

A ruta comezou hoxe en Noia e continuará polas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra facendo paradas en Padrón, Ponteceso, Oleiros, Curtis, Castro de Rei, Becerreá, Samos, O Incio, Abadín, Cartelle, O Irixo, Pereiro de Aguiar, Viana do Bolo, Monterrei, Marín, Moaña, A Estrada, Ponteareas e Mondariz.

Plan DigiTalent
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten entre os seus obxectivos o de facilitar á cidadanía a adquisición de competencias dixitais e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais por parte dos colectivos máis vulnerables. Estes obxectivos están recollidos no Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, no que se enmarca a actividade da Rede de Aulas CeMIT e esta actuación en colaboración con Cruz Vermella.  

Sobre Cruz Vermella
Cruz Vermella Española, que celebra este ano o seu 160 aniversario, conta con máis de 254.000 persoas voluntarias que dan resposta en 1.263 municipios, o que permite atender anualmente a máis de 11,8 millóns de persoas. Todo iso co apoio de 1,3 millóns de persoas socias, empresas e alianzas en todos os sectores da sociedade.