Volver ao contido

Notas de Prensa

Galicia alenta unha postura común das Comunidades Autónomas para a xestión ética e responsable da IA

Galicia alenta unha postura común das Comunidades Autónomas para a xestión ética e responsable da IA

  • Na xuntanza participaron representantes de 12 gobernos autonómicos, que avanzaron nun documento de consenso de principios xerais para afrontar os retos do uso desta tecnoloxía nas Administracións públicas
  • As CCAA aplicarán estes principios cando deseñen, adquiran e utilicen sistemas ou modelos de intelixencia artificial 
  • O documento conxunto garante, entre outros, a intervención e revisión humana, a transparencia, a seguridade, a imparcialidade e ausencia de sesgos ou a claridade

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2024.- Representantes de 12 gobernos autonómicos de España participaron esta semana en Santiago nun encontro co obxectivo de establecer uns principios comúns para a xestión ética e responsable da intelixencia artificial que poidan ser asumidos por todas as Comunidades Autónomas.

A xuntanza coincidiu coa celebración na Cidade da Cultura dunha xornada sobre o impacto do regulamento europeo de IA nas organizacións que contou coa participación da recentemente nomeada directora da Oficina de IA da Comisión Europea, Lucilla Sioli, e foi clausurado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O evento foi organizado conxuntamente por Gartner e a Xunta de Galicia.

Os representantes autonómicos traballaron nun documento de consenso que recolle unha serie de principios xerais de carácter ético para afrontar o deseño, adquisición e uso de sistemas ou modelos de intelixencia artificial por parte das Administracións públicas. O obxectivo é que este documento sexa asumido por todas as Comunidades Autónomas do Estado.

Entre estes principios atópanse os de boa administración dixital e dilixencia debida; auditabilidade, trazabilidade e explicabilidade; transparencia; claridade; imparcialidade e ausencia de nesgos; seguridade e privacidade; reserva de humanidade e revisión humana; proactividade e personalización; universalidade e accesibilidade, fiabilidade e responsabilidade; avaliación de impacto nas persoas, na sociedade e no medio ambiente; avaliación continua; precaución; formación continua e colaboración e transferencia.

As Comunidades autónomas súmanse con estes principios ao enfoque da Unión Europea para o liderado mundial no desenvolvemento dunha intelixencia artificial fiable, segura e humanista, que sexa un instrumento para gañar eficiencia e aumentar a competitividade en todas as áreas de desenvolvemento.