Volver ao contido

Notas de Prensa

As políticas activas da Xunta para atraer poboación modifican á alza as previsións para os vindeiros anos

As políticas activas da Xunta para atraer poboación modifican á alza as previsións para os vindeiros anos

  • As iniciativas do Goberno galego están a reverter os fluxos migratorios con saldos positivos nos últimos anos e cunha tendencia a que no vindeiro decenio máis persoas escollan Galicia para vivir e traballar

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2024.- As políticas activas da Xunta para atraer poboación están a modificar á alza as previsións para os vindeiros anos. Así se desprende das Proxeccións de poboación publicadas hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE), con ano de arranque 2024 e horizonte 2039. 

Segundo os datos difundidos polo INE, as tendencias estatísticas indican que no vindeiro decenio Galicia seguirá a experimentar un saldo migratorio positivo, en especial nos primeiros anos proxectados, de xeito que máis persoas escollerán a comunidade para vivir, traballar e prosperar.

A proxección que vén de publicar o organismo estatístico para os anos 2024-2039 corrixe á alza as anteriores, de xeito que se a proxección de saldo migratorio co estranxeiro 2022-2037 indicaba que en 2024 será de 17.533 e de 15.464 no 2028, agora increméntase en máis de 8.400 persoas en 2024, chegando ás 25.956, e en máis de 4.600 en 2028, chegando a 20.104 o número de persoas que elixan Galicia como o seu novo fogar. 

Así mesmo, esta tendencia repítese tamén en 2033, xa que se as previsións 22-37 apuntaban un saldo migratorio de 10.911, a última proxección do INE apunta que o incremento será de 12.697.

As novas proxeccións constatan tamén a tendencia marcada polos últimos datos da Estadística de Migraciones y Cambios de residencia de 2022, onde Galicia experimentou un saldo migratorio positivo récord de 27.251 persoas.

A comunidade galega continúa pois demostrando a súa capacidade para acoller e integrar a novos membros, tanto galegos retornados como novos residentes de diversas partes do mundo. Os datos constatan que as iniciativas do Goberno galego están a reverter os fluxos migratorios con saldos positivos nos últimos anos e cunha tendencia a que no vindeiro decenio máis persoas escollan Galicia para vivir e traballar.