Volver ao contido

Notas de Prensa

A Xunta publicou xa dúas convocatorias do Fondo de Transición Xusta por valor de 12 millóns de euros

A Xunta publicou xa dúas convocatorias do Fondo de Transición Xusta por valor de 12 millóns de euros

  • Trátase de proxectos relacionados coa descarbonización e renovación de empresas industriais e coa creación de centros dixitais
  • No que queda de ano o Goberno galego mobilizará o 60% dos recursos do Programa na provincia da Coruña

A Xunta de Galicia publicou xa dúas convocatorias do Fondo de Transición Xusta (FTX) por máis de 12 millóns de euros, relacionadas con proxectos de descarbonización e renovación de empresas industriais e coa creación de centros dixitais. So outra comunidade autónoma, Asturias, ten publicada unha convocatoria deste tipo.

O Consello do Goberno galego coñeceu hoxe un informe sobre a implementación do Programa do Fondo de Transición Xusta 2021-2027, que convoca axudas para proxectos que promovan un impacto económico e social positivo nas zonas afectadas pola denominada transición climática. No caso de Galicia, estas zonas correspóndense coa provincia da Coruña, en concreto coas centrais de Meirama e das Pontes, prestando apoio aos territorios e aos traballadores afectados e promovendo unha transición socioeconómica equilibrada.

O Goberno galego está a xestionar 111 millóns de euros do Programa destinados á provincia da Coruña, o 12,8% do total deste Programa estatal. O período de elixibilidade destes recursos remata en decembro de 2029. A pesar de que o programa se aprobou en decembro de 2022, a súa implementación está a presentar retrasos, entre outras razóns porque os criterios para o financiamento a grandes empresas no ámbito do Programa non se acordaron entre a Autoridade de Xestión do Programa coa Comisión Europea ata setembro de 2023.

Convocatoria de axudas no segundo semestre 
A pesar diso, Galicia convocará, durante este segundo semestre de 2024, axudas para proxectos de enerxía renovable e almacenamento enerxético, tratamento de residuos orgánicos para a xeración de gases renovables e proxectos de hidróxeno verde e de innovación tecnolóxica en enerxías mariñas. Ademais, convocarase un instrumento financeiro combinado con subvencións para o apoio a proxectos empresariais, dando prioridade ás zonas de transición xusta. E, por último, iniciarase o proxecto de fomento da inserción laboral orientado ás persoas afectadas por estes procesos. 

Con isto estará mobilizado case o 60% dos recursos programados, cumprindo as esixencias regulamentarias de execución e situando a provincia da Coruña nunha mellor situación que o resto das provincia elixibles polo Fondo de Transición Xusta.