Skip to Content

Notas de Prensa

A Xunta presenta ao director da AESIA a aposta de Galicia pola Intelixencia Artificial e o texto da lei que se discutirá proximamente no Parlamento

A Xunta presenta ao director da AESIA a aposta de Galicia pola Intelixencia Artificial e o texto da lei que se discutirá proximamente no Parlamento

  • O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia mantivo un primeiro encontro con Ignasi Belda no que lle ofreceu colaboración por parte da Administración Autonómica

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2024.- O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, reuniuse esta semana co novo director da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial, Ignasi Belda, ao que trasladou a benvida por parte da Administración autonómica e ofreceu colaboración.

O representante da Xunta presentou ao director da AESIA todo o traballo realizado por Galicia no seu obxectivo de se converter nunha rexión europea de referencia en Intelixencia Artificial. Neste sentido, lembrou que o adianto neste traballo foi posible grazas a que Galicia foi unha das tres primeiras autonomías españolas en atender a demanda europea de dispoñer dunha estratexia propia de IA.

Julián Cerviño lembrou a importancia estratéxica da IA en Galicia en aspectos como o achegamento dos ámbitos rural e urbano, a xestión dun territorio diverso cunha poboación moi dispersa e a prestación de servizos esenciais como a saúde, a educación ou a atención a maiores. Tamén informou sobre a aposta pola especialización tecnolóxica  e a creación, atracción e retención de talento, de acordo co eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Nesta aposta enmárcase a tramitación da primeira lexislación rexional de Europa sobre intelixencia artificial. Julián Cerviño explicou ao director da AESIA os contidos desta lei que será discutida proximamente no Parlamento de Galicia.