Volver ao contido

Notas de Prensa

A Xunta potencia a axilización administrativa facilitando os trámites aos agricultores, gandeiros e silvicultores cunha plataforma dixital para o rural galego

A Xunta potencia a axilización administrativa facilitando os trámites aos agricultores, gandeiros e silvicultores cunha plataforma dixital para o rural galego

  • O Consello aproba a contratación dun conxunto de ferramentas tecnolóxicas ao servizo de agricultores, gandeiros e silvicultores para mellorar a xestión das explotacións, incidencias e alertas, inspeccións e a comunicación coa Administración
  • Esta iniciativa permitirá aos agricultores notificar posibles ataques de pragas ou enfermidades detectadas nas súas parcelas e facilitará á Administración emitir alertas a explotacións que se atopen nun radio determinado dende o foco do contaxio 
  • A nova plataforma está aberta a tecnoloxías como a intelixencia artificial ou o internet das cousas, ten un valor estimado de 8,4 millóns de euros e estará cofinanciada polo programa FEDER Galicia 2021-2027
  • Incluirá tanto ferramentas e aplicacións web como aplicacións para dispositivos móbiles para os titulares das explotacións e para os técnicos da Administración
  • Entre as novas funcionalidades atópase un ‘hub' de inspeccións que permitirá executar os plans de control e inspección dun xeito centralizado
  • Haberá aplicacións específicas adaptadas ás necesidades de xestión dos distintos eidos sectoriais: viñedos, explotacións agrarias, montes...
  • A plataforma porá a disposición dos produtores ferramentas para cumprir as obrigas relacionadas co caderno de explotacións dixitais

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023.- A Xunta de Galicia continúa apostando por facilitar os trámites aos cidadáns mediante a axilización administrativa e a simplificación burocrática aproveitando a tecnoloxía. Nesta liña, o Consello do Goberno galego aprobou autorizar a contratación dunha plataforma tecnolóxica de servizos que permitirá ao produtores e a Administración a xestión electrónica das explotacións agrarias, gandeiras e forestais. A nova plataforma estará preparada para acoller proxectos innovadores de simulación, machine learning, intelixencia artificial ou interacción con dispositivos de internet das cousas (IoT).

Ademais, cómpre salientar que esta ferramenta facilitará ao agricultor a notificación de posibles ataques de pragas ou enfermidades detectadas nas súas parcelas. Deste xeito, incorpórase a posibilidade de que a Administración emita un aviso ou alerta dirixido a explotacións que se atopen nun radio determinado dende o foco do contaxio. Deste xeito, optimízase a xestión deste tipo de situacións, co conseguinte beneficio para os principais interesados, os agricultores e gandeiros.

A plataforma conta cun orzamento de licitación de 6 millóns de euros, entre 2023 e 2027, e un valor estimado de 8,4 millóns de euros. A actuación estará cofinanciada polo programa FEDER Galicia 2023-2027. As primeiras aplicacións estarán dispoñibles para agricultores e gandeiros este ano.

As novas ferramentas tecnolóxicas incluídas nesta plataforma permitirán a agricultores, gandeiros e propietarios forestais acceder a servizos e información nun punto centralizado, xeolocalizar e modificar elementos, acceder ao rexistro gráfico de actuacións e incidencias, emitir ou recibir mensaxes de alerta, manter un control económico e produtivo ou interactuar coa Administración de maneira dixital e directa.

A Administración poderá mellorar a xestión das explotacións, en conexión co Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia; disporá dun punto centralizado de información actualizada, servizos de intercambio de información co produtor, análise e toma de decisións ou comunicacións sobre alertas, avisos ou recomendacións.

Caderno de explotacións
A plataforma porá a disposición dos produtores ferramentas para cumprir as obrigas relacionadas co caderno de explotacións dixitais recollidas na lexislación, como o Real Decreto que establece e regula o Sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras, o Rexistro autonómico e o caderno dixital; ou a orde APA que establece e regula os contidos do Rexistro de explotacións agrícolas e o caderno dixital. Estas ferramentas permitirán a coordinación e interoperación entre a nova Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia e o Sistema de Información de Explotacións Agrarias SIEX do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Entre as novas funcionalidades da plataforma destaca o ‘hub' de inspeccións, que permitirá executar os plans de control e inspeccións dun xeito centralizado, con formularios dinámicos, seleccións e xestión de mostra, xeración de actas de control ou asignación de técnicos.

Disporá ademais, entre outros, de dous novos sistemas específicos de xestión de viñedos; un novo Rexistro de Explotacións de Galicia (REAGA-EVO); integración cos sistemas de rexistro e de axudas de montes; novos servizos de soporte e decisión con algoritmos de intelixencia artificial para o tratamento e explotación de datos; ou dunha evolución do módulo de sistemas de información xeográfico (XIS) e visor asociado.