Skip to Content

Notas de Prensa

A Xunta pon en marcha o procedemento para contratar novos contidos para a educación dixital a partir do curso 24-25

A Xunta pon en marcha o procedemento para contratar novos contidos para a educación dixital a partir do curso 24-25

  • O Consello de Goberno autoriza a licitación de tres lotes diferentes de contidos dixitais para as diferentes materias entre 5º de Primaria e 4º da ESO
  • Os contratos suman un valor estimado de case 10,3 millóns de euros (IVE incluído) para os catro anos aos que se pode chegar coa prórroga prevista
  • A Xunta aposta por un modelo híbrido de aprendizaxe onde os centros combinan voluntariamente o dixital e o analóxico

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024.- A Xunta de Galicia destinará un máximo de 10,295 millóns de euros á contratación de tres lotes diferentes de contidos dixitais para as diferentes materias dos currículos educativos dos cursos entre 5º de Primaria e 4º da ESO. O Consello de Goberno aprobou hoxe a activación do procedemento para a contratación destes contidos, que inclúen as modificacións previstas e serán postos a disposición da comunidade educativa non universitaria que participa no proxecto Abalar E-Dixgal. O contrato convócase para dous anos que se poderán prorrogar dous máis.

A posta en marcha deste procedemento é o resultado do acordo de colaboración que a Consellería e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia asinaron o pasado 23 de maio. Os asinantes comprometéronse a impulsar o programa de educación dixital E-Dixgal como parte do modelo de ensino híbrido de Galicia, que combina métodos dixitais con outros analóxicos.

Esta iniciativa mantén e reforza o principio de autonomía dos centros, que a emprega voluntariamente, e permite o emprego de contidos dixitais de calidade nos seus proxectos educativos . Ademais, incide na vontade política do Goberno galego de dispoñer dun modelo educativo eficiente e de calidade, que ademais redunde en beneficios para as familias pola previsible redución dos custos de adquisición de libros de texto.

O persoal docente disporá nas súas materias de contidos dixitais de tres editoriais distintas, adaptados aos currículos oficiais e totalmente integrados tanto no Entorno Virtual de Aprendizaxe (EVA) coma nas diferentes ferramentas e utilidades da plataforma de educación dixital de Galicia. Estarán adaptados ao Decreto para o plurilingüismo no ensino e os adxudicatarios dos diferentes lotes comprometeranse a manter os contidos adaptados tamén á lexislación vixente en cada momento do contrato.

Cada unidade didáctica, que poderá estar formada por todo tipo de recursos multimedia, contará cun resumo en formato imprimible que facilite o repaso dos contidos.

O servizo incluirá a formación das persoas usuarias, así como o soporte e mantemento do sistema. Haberá persoal especializado a disposición dos centros que mesmo se poderá desprazar ata eles se é necesario.

Galicia foi unha das primeiras Comunidades Autónomas en dispoñer dunha estratexia de incorporación das tecnoloxías no proceso educativo, a través do programa Abalar. Grazas a isto, practicamente todas as aulas-grupo dos centros públicos van contar con paneis interactivos e a práctica totalidade dos centros xa dispoñen dunha conexión de internet de 1 Gbps con cobertura de WiFi en todas as instalacións docentes.

Máis de 600 centros educativos de Galicia que contan con proxectos de educación dixital integrados en E-Dixgal, dos que se benefician máis de 64.500 estudantes. O proxecto de educación dixital de Galicia permitiu, así mesmo, a construción colaborativa dun repositorio no portal espazo-Abalar de cerca de 3.000 contidos dixitais libres, en sete idiomas e para diferentes niveis educativos.