Skip to Content

Notas de Prensa

A Xunta inicia a elaboración dos Orzamentos 2025, que priorizarán a vivenda, as infraestruturas sanitarias e a execución dos fondos do mecanismo de recuperación e resiliencia

A Xunta inicia a elaboración dos Orzamentos 2025, que priorizarán a vivenda, as infraestruturas sanitarias e a execución dos fondos do mecanismo de recuperación e resiliencia

  • O DOG publica hoxe a orde pola que se ditan as instrucións para a elaboración das contas do vindeiro exercicio

 

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024.- A Xunta de Galicia xa iniciou o proceso de elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2025, unhas contas que impulsarán a vivenda, as infraestruturas sanitarias e priorizarán a execución dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no seu último exercicio completo, para dar cumprimento aos fitos e obxectivos previstos.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos orzamentos do vindeiro exercicio que marcan as bases do plan financeiro do Goberno galego para o ano próximo.

Obxectivos dos presupostos para 2025
Os orzamentos de 2025 terán o obxectivo de impulsar o crecemento potencial da economía galega mediante os investimentos estruturais precisos para contar cun tecido industrial máis moderno, produtivo, sostible e competitivo, no marco dunha economía global e conectada.

Trátase de desenvolver proxectos transformadores de dixitalización e que fomenten as fontes de enerxía limpas, tanto no eido público como no privado.

As contas do vindeiro ano proseguirán coa modernización dos servicios públicos fundamentais como instrumento básico de solidariedade e redistribución. Deste xeito, potenciarán o parque de vivenda social, apoiando ás familias e aos colectivos máis vulnerables co obxectivo de reducir o risco de exclusión, en liña cos retos do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030. 

No eido sanitario recollerán unha política ampla de investimentos para dotar a sanidade pública con equipos, infraestruturas e medios que garantan unha cobertura sanitaria que incida na mellora da saúde da poboación galega. No eido educativo despregaranse investimentos sociais que contribúan á formación de calidade e á igualdade de oportunidades, a través dunha administración educativa moderna, dinámica e innovadora, cunha aposta decidida pola formación profesional e as novas metodoloxías. Será, ademais, o primeiro curso académico no que se aplicará a gratuidade das matrículas universitarias, consolidando o modelo de educación gratuíta dende a gardería ata a educación superior.

Neste marco, e en relación aos servizos sociais, estes orzamentos centraranse en seguir apoiando aos colectivos máis vulnerables con actuacións públicas destinadas a paliar e reducir as desigualdades.

Os obxectivos fixados para o orzamento de 2025 continuarán a ter o PEG 2030 como horizonte das liñas de investimento e gasto do orzamento, que terán tamén unha visión transversal das políticas de gasto con perspectiva de xénero, impacto na infancia e un informe do orzamento en clave de obxectivos da Axenda 2030 e a transición ecolóxica.

Estrutura
A elaboración dos orzamentos para 2025 estruturarase, ao igual que as contas vixentes, en torno a catro comisións: a Comisión de análise e avaliación de obxectivos dos programas de gasto, que avalía os obxectivos estratéxicos e operativos asignados aos distintos programas de gasto e aos seus indicadores de resultado; a Comisión de ingresos propios e finalistas, responsable da elaboración das previsións sobre os distintos ingresos; a Comisión de fondos europeos e Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), que establece a programación dos anteditos fondos; e a Comisión funcional do gasto, que determina a distribución do orzamento por programas, capítulos e proxectos.