Volver ao contido

Notas de Prensa

A Xunta e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia colaboran no fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos

A Xunta e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia colaboran no fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos

  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica e o CPETIG desenvolverán seminarios e obradoiros sobre programación e profesións dixitais para nenos e nenas de 7 a 15 anos 
  • Tamén están previstas actividades para as familias con sesións sobre o bo uso da tecnoloxía e o control parental
  • A programación desenvolverase de xuño a outubro en colaboración coas aulas da Rede CeMIT  

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) colaboran un ano máis no fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos e na capacitación dixital da cidadanía. Estas actuacións enmárcanse nun convenio asinado por ambas entidades e nas actuacións do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital. 

Este ano as actividades previstas abranguen a formación en programación Scratch; obradoiros para fomentar as vocacións STEAM, facendo foco especialmente nas rapazas; e actividades sobre o bo uso de internet para as familias. Está previsto que as diferentes sesións se desenvolvan entre xuño e outubro en colaboración coa Rede de Aulas CeMIT.

Scratch Day  e Girl STEAM
Unha das actividades previstas é o Scratch Day, un seminario dirixido a nenos e nenas entre 7 e 15 anos, que lles achega de forma lúdica e divertida o mundo da programación e a contorna Scratch, para aprender a desenvolver videoxogos. 

Os obradoiros Girl STEAM buscan dar visibilidade ao papel das nenas e as mulleres no ámbito tecnolóxico para fomentar a súa presenza nestas carreiras. Os obradoiros están dirixidos a dous grupos de idades, un de 8 a 11 anos e outro de 12 e 15 anos.  Cada grupo de idade contará con dúas sesións de dúas horas de duración.

Formación para as familias
Finalmente, realizaranse sesións destinadas a familias nas que se amosarán ferramentas dinámicas para un mellor entendemento e achegamento ao uso das TIC por parte da rapazada. Nestes encontros abordaranse aspectos como os riscos dun mal uso da tecnoloxía, as bases dunha boa educación dixital, así como ferramentas e aplicacións de control parental.