Volver ao contido

Notas de Prensa

A Xunta consolida toda a información da cidadanía nun único punto e aplica tecnoloxías intelixentes para simplificar as xestións e facilitar servizos adaptados ás necesidades das persoas

A Xunta consolida toda a información da cidadanía nun único punto e aplica tecnoloxías intelixentes para simplificar as xestións e facilitar servizos adaptados ás necesidades das persoas

  • A Administración autonómica porá en marcha un nodo de datos cidadáns que lle permitirá ter unha visión unificada e completa da información que xestiona 
  • Os galegos e as galegas poderán consultar a situación de todos os seus trámites a través de carpeta cidadá e actualizar os seus datos nun punto único
  • O 86% dos trámites coa Xunta son xa electrónicos e só en 2023 creáronse na carpeta cidadá máis de 800.000 expedientes correspondentes a 474 procedementos distintos

 

A Xunta de Galicia concentrará toda a información sobre o cidadán e as súas relacións coa administración nun único punto e aplicará tecnoloxías intelixentes para simplificar o acceso a toda administración dixital e facilitar servizos adaptados ás necesidades de cada persoa, se así o autorizan. Estes son os obxectivos principais do contrato visto hoxe polo Consello da Xunta e que permitirá a posta en marcha do nodo de datos cidadáns da Administración autonómica.

O desenvolvemento deste nodo permitirá á Administración ter unha visión unificada e completa dos datos xerados polas persoas nas súas relacións coa administración e facilitará aos galegos e galegas as súas xestións online coa administración, simplificando o acceso aos servizos dixitais desde un único punto, así como as consultas sobre o estado dos trámites ou a modificación dos seus datos. 

Con este obxectivo a carpeta cidadá da sede electrónica evolucionará para converterse no punto de acceso a todos os trámites dos cidadáns coa administración e o lugar no que atoparán toda a información relativa a eles, independentemente do departamento ou unidade coa que os xestione. Deste xeito, os cidadáns poderán realizar actualizacións dos seus datos unha soa vez, evitando ter que comunicalo a diferentes departamentos.

Ademais, esta iniciativa avanza na identificación dixital da cidadanía, poñendo en marcha un rexistro único que permitirá unha identificación unívoca do cidadán, independentemente do sistema que empregue (Chave 365, Cl@ve, certificado dixital, DNIe) ou do departamento co que realice a xestión. 

O contrato, que conta con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – financiado pola Unión Europea- NextgenerationEU, licitarase nos vindeiros días cun valor estimado de 5.005.044 euros.  A previsión é que as primeiras funcionalidades do nodo de datos estean operativas no segundo semestre do 2025.

Carpeta cidadá e Administración dixital
Esta iniciativa enmárcase no III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025, que busca achegar a administración á cidadanía e impulsar servizos máis proactivos. Os avances na dixitalización reflíctense no uso dos servizos dixitais por parte da cidadanía. O pasado ano creáronse na carpeta cidadá máis de 800.500 expedientes correspondentes a 474 procedementos distintos, de acordo cos datos do Balance de execución do III Plan de Administración e Goberno Dixital. No mesmo período foron incluídos na carpeta 3 novos servizos que ofrecen unha atención personalizada no marco do deseño do novo modelo do nodo de datos cidadáns.

Ademais, o sistema de identificación mediante Chave365 está a ser utilizado por máis de 1,5 millóns de persoas. Hai tamén máis de 9.000 persoas que recorreron ao Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG) para autorizar a alguén para facer no seu nome os trámites administrativos.

En total, o Rexistro electrónico recibiu en 2023 cerca de 1,5 millóns de solicitudes, escritos ou comunicacións, de parte de cerca de medio millón de persoas distintas. As entradas  pola vía electrónica son xa máis do 86% do total

A través da sede electrónica realizáronse máis de 63.000 pagos de taxas asociados á presentación de trámites. 

A Xunta puxo a disposición das persoas interesadas máis de 1,7 millóns de notificacións, das que preto de 1,2 millóns foron exclusivamente electrónicas. As persoas que recibiron estas notificacións foron máis de 580.000.

En 2023 incorporáronse na Administración máis de 27 millóns de documentos electrónicos e creáronse máis de 641.000 expedientes de 530 procedementos distintos.

O balance tamén destaca que, dende a súa saída en 2023, a aplicación XuntaEu, que concentra as relacións da Administración coa cidadanía a través de dispositivos móbiles, foi descargada por máis de 29.000 persoas.