Volver ao contido

Notas de Prensa

A Escola Galega de Administración Pública amosa o seu compromiso co galego a través de actividades formativas, premios e publicacións

A Escola Galega de Administración Pública amosa o seu compromiso co galego a través de actividades formativas, premios e publicacións

  • Destaca a ampla oferta de formación específica en lingua galega en materia de linguaxe administrativa e xurídica

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024.- O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe sobre as actividades de difusión, normalización e capacitación lingüística no idioma galego da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para este ano 2024. Nel, a Escola amosa o seu compromiso co galego a través de actividades formativas, premios e publicacións. 

Dentro do seu compromiso coa lingua, a EGAP conta cunha ampla oferta formativa específica en materia de linguaxe administrativa e xurídica galega. Para este ano 2024 están convocados un total de 30 edicións en materia de teleformación, cada curso cunha carga lectiva de 75 horas, o que supón un total de 2.250 horas de formación. 

Ademais, o plan formativo deste ano contempla diversas formacións dirixidas a mellorar as competencias no uso da lingua por parte do persoal empregado público, como A calidade da redacción administrativa. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos, Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego e A normativa do galego estándar: actualización gramatical, ortográfica e léxica. A carga lectiva global destes cursos é de 130 horas.

Premios e publicacións
A Escola Galega de Administración Pública conmemorou de xeito específico o Día das Letras Galegas con diversas actividades, entre elas a convocatoria e entrega dun premio de literatura infantil e xuvenil que busca incentivar a creatividade literaria dos máis novos a través do uso da lingua galega.

Tamén se lle deu continuidade ao emblemático Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación, que chega á súa XXVII edición para distinguir traballos de estudo sobre as administracións territoriais, institucionais e os entes públicos instrumentais da Comunidade autónoma galega.

A EGAP edita ademais, con periodicidade semestral, dúas revistas, a REGAP, que trata de dar unha visión rigorosa e experta dos problemas de actualidade que afectan ás Administracións Públicas, e a revista Administración & Cidadanía, que publica traballos de investigación sobre cuestións de actualidade relativas ás Administracións e ás políticas públicas desde un enfoque multidisciplinar.