Saltar al contenido

Notas de prensa

Galicia consolida a dixitalización xudicial que iniciou hai máis dunha década

Galicia consolida a dixitalización xudicial que iniciou hai máis dunha década

  • O 73% das salas de vistas xa son integramente dixitais e este ano acadarase o 100%  
  • En 2022 completouse o servizo de textualización de gravación de vistas e xa hai máis de 60.000 dispoñibles en formato texto 
  • O 100% dos órganos xudiciais poden enviar e recibir expedientes administrativos en formato electrónico de 167 organismos de distintas administracións
  • Púxose en marcha o sistema Acceda que permite o envío de arquivos de gran volume que non poden ser remitidos a través do sistema Lexnet 
  • O  pasado ano proporcionouse o acceso ao escritorio virtual a preto de 1.500 persoas usuarias, o que facilita o teletraballo ou o traballo en mobilidade 
  • Son actuacións enmarcadas no III Plan Senda 2025 que conta cun investimento de máis de 43 millóns de euros, un 68% máis que o orzamento dos dous plans anteriores que impulsaron a dixitalización da xustiza na última década en Galicia 

 

O 73% das salas de vistas xudiciais galegas son integramente dixitais e este ano acadarase o 100%, cumprindo un dos obxectivos do III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia, Senda 2025, co que se consolida o proceso de dixitalización da Xustiza que a Xunta iniciou hai máis dunha década. Durante o último ano e no primeiro semestre de 2023 avanzouse noutras liñas do plan como a implantación do servizo de textualización de gravación de vistas, que permitiu pasar a formato texto 60.700 audiencias, que están dispoñibles para os profesionais da eido xudicial a través do visor do Expediente Xudicial Electrónico.

Neste período completouse, tamén, a implantación en todos órganos xudiciais da recepción electrónica de expedientes administrativos, que permitiron a xestión de máis de 10.000 documentos de 167 organismos de diferentes administracións, avanzando así na interoperabilidade.

Ademais, os profesionais do eido xudicial teñen á súa disposición un novo sistema, Acceda, que lles permite enviar arquivos de gran volume que non poden ser remitidos polo sistema Lexnet. Tamén entre 2022 e 2023 proporcionouse o acceso ao escritorio virtual a preto de 1.500 persoas usuarias, o que facilita o teletraballo ou o traballo en mobilidade.

Son datos do Informe sobre a situación do Plan Senda 2025, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, no que se recolle que desde 2022 e ata maio de 2023 asináronse dixitalmente 6,1 millóns de documentos nos órganos xudiciais galegos, o que supón unha media superior aos 21.000 documentos rubricados electronicamente ao día. Ademais, en 2023 o Plan prevé implantar unha nova versión do sistema de gravación de vistas eFidelius nas 200 salas de vistas galegas, nas que se realizan unha media de 9.600 gravacións de vistas ao mes.

No ano 2022 os cidadáns presentaron un total de 7.314 escritos a través da sede xudicial electrónica, o que supón un incremento do 63% respecto ao 2021. Durante os primeiros cinco meses do  2023 presentáronse xa 5.786 escritos, é dicir, case o 80% do  presentado en todo o ano 2022, o que evidencia o continuo crecemento deste servizo. Por outra banda, o Servizo de Cita previa facilitou máis de 47.000 citas nos Rexistros Civís e máis de 1.500 citas nas Oficinas de Atención á Vítima e á Cidadanía. 

Investimento de 43 millóns de euros ata 2025    
Todas estas actuacións enmárcanse no III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia, Senda 2025, que busca a consolidación dixital da xustiza, para facela máis próxima á cidadanía con capacidade para ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades. 

O Plan conta cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos (inclúen propios, Feder e MRR), o que supón un incremento do 68% respecto do investimento dos dous plans anteriores, Senda 2014 e Senda 2020, que mobilizaron 50 millóns de euros en dez anos para avanzar na dixitalización da xustiza galega. 

Galicia iniciou hai máis dunha década un proceso de dixitalización da Xustiza que supuxo o  reforzo das infraestruturas tecnolóxicas no eido xudicial, a implantación dos sistemas de xestión procesual para xuíces, letrados, empregados públicos e fiscais, e de servizos como a  sinatura dixital en todos os órganos xudiciais, a posta marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico, no que xuíces, letrados e fiscais poden consultar online máis de 11 millóns de procedementos. 

Galicia foi das primeiras comunidades en poñer en marcha a Sede Electrónica xudicial, que permite a descarga de vistas e o inicio de demandas online; implantou unha rede de videoconferencias que dá servizo a todos os órganos xudiciais; todas as salas de vistas contan cun sistema de gravación e 147 son  integramente dixitais.