Saltar al contenido

Notas de prensa

A Xunta garante un ano máis de estabilidade coa aprobación dun teito de gasto non financeiro para 2025 de 13.954M€

A Xunta garante un ano máis de estabilidade coa aprobación dun teito de gasto non financeiro para 2025 de 13.954M€

  • O Goberno galego esgotará ao máximo a súa capacidade de gasto seguindo a taxa de referencia autorizada polo Goberno central, un 3,2 %
  • O límite de gasto calculouse coas novas regras fiscais fixadas pola Unión Europea
  • Por segundo ano consecutivo Galicia elaborará os seus orzamentos sen ter que recorrer ao endebedamento
  • Os Orzamentos 2025, que de novo se aprobarán en tempo e forma, permitirán reforzar os servizos públicos, axudar ás familias e ás empresas, impulsar políticas de vivenda e favorecer investimentos que apoien o crecemento económico 

A Xunta garante un ano máis de estabilidade coa aprobación hoxe, no Consello da Xunta, do límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2025, que ascende a 13.954 millóns de euros. Galicia disporá o vindeiro ano do teito de gasto non financeiro máis alto da historia da Comunidade. 

O Goberno galego esgotará ao máximo a súa capacidade de gasto seguindo a taxa de referencia autorizada polo Goberno central, dun 3,2 %, sen ter en conta os fondos Next Generation. 

A Xunta de Galicia cumpre co establecido na lei galega de disciplina orzamentaria de 2011 e aproba o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior autorización. Este límite establece o máximo gasto que se pode acadar no proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia, que se fai dentro do novo marco fiscal aprobado pola UE no 30 de abril de 2024. 

Os Orzamentos 2025, que de novo se aprobarán en tempo e forma, permitirán reforzar os servizos públicos, axudar ás familias e ás empresas, impulsar as políticas de vivenda e favorecer investimentos que apoien o crecemento económico. 

Cadro macroeconómico
Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta actualiza con prudencia o seu cadro macroeconómico para este exercicio e mellora tanto a estimación de crecemento do PIB como a taxa de paro para este 2024.

En canto ao crecemento da economía galega, o Goberno autonómico prevé un avance de dúas décimas sobre o inicialmente estimado, ao pasar do 1,9% fixado nos orzamentos en vigor, ao 2,1%. En canto á taxa de paro, cómpre salientar que a Xunta xa conseguiu reducila do 10% por primeira vez desde hai 15 anos e, para este 2024, prevé que a media do ano se sitúe ata o 9,2%, dúas décimas menos do provisto inicialmente.
Para o ano 2025 seguirase a consolidar esa senda económica, encadeando así cinco anos de crecemento sostible, cun avance do PIB do 1,8% e unha taxa de desemprego que seguirá baixando, ata o 9,1%.


O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, insistiu na estabilidade e a previsibilidade do Goberno galego que de novo prevé contar en tempo e forma cos orzamentos que permitirán facer fronte aos retos aos que se enfronta Galicia.