Saltar al contenido

Notas de prensa

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convoca máis de 2.600 prazas para obter a nova Certificación galega de Competencias Dixitais

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convoca máis de 2.600 prazas para obter a nova Certificación galega de Competencias Dixitais

  • Son as primeiras probas para a cidadanía do Marco galego de competencias Dixitais no nivel de Iniciación 
  • Haberá dúas quendas de avaliación, unha a finais de outubro e outra a finais e de novembro  nas aulas CeMIT de 45 concellos das catro provincias
  • Esta certificación acredita o nivel de competencia na utilización das tecnoloxías no ámbito persoal, social e profesional 

​​​​​​​Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a primeira convocatoria de carácter libre para obter a certificación galega en competencias dixitais no nivel Iniciación (ComDix Iniciación). Son 2.461 as prazas dispoñibles para acceder a esta certificación do Marco Galego de Competencias Dixitais, que acredita os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon ao dispor das persoas interesadas en acceder á certificación contidos formativos en liña, a través da plataforma de teleformación da Rede CeMIT, que poden empregar para adquirir os coñecementos e habilidades definidas no Marco Galego de competencias dixitais. 

Inscrición
A inscrición poderá realizarse desde mañá a través do portal da Rede CeMIT cos únicos requisitos de ser maior de 16 anos e usuario da Rede. No caso de que existan máis solicitantes que prazas convocadas, realizarase un sorteo para establecer a orde de prelación para poder efectuar a matrícula para as probas en cada quenda.

A convocatoria contempla dúas probas de avaliación independentes, que se celebrarán  os días 23, 24 e 25 de outubro e o 20, 21 e 22 de novembro, con dous prazos de inscrición diferentes co obxecto de facilitar que as persoas que non resulten seleccionadas na primeira edición poidan inscribirse na seguinte convocatoria.

Os lugares, datas e horarios de cada unha destas edicións poden consultarse máis detalladamente na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), na que figura o calendario das probas presenciais que se celebrarán en 45 concellos de Galicia.

Avaliación 
Para obter o ComDix Iniciación é preciso superar un cuestionario de 60-70 preguntas tipo test de diversa complexidade que inclúe a avaliación das 21 competencias establecidas na estrutura do Marco Galego ComDix, considerándose aptas aquelas persoas que superen o 70% do total das preguntas e o 60% das preguntas referentes a cada unha das seguintes 5 áreas: información e datos; comunicación e colaboración; creación de contido dixital; seguridade e privacidade; e contorna dixital e solución de problemas.


Marco Galego de Competencias Dixitais 
Para facilitar a capacitación dixital da cidadanía Galicia ten en marcha o Marco Galego de Competencias Dixitais, en vigor desde o 1 de xaneiro de 2022, aliñado co marco europeo, e enmarcado na Estratexia Galicia Dixital 2030. O marco galego establece cinco grandes áreas de dominio, 21 competencias e cinco niveis de aptitude: iniciación, intermedio, avanzado e especializado.