Saltar al contenido

Notas de prensa

O Centro Gaiástech celebra o Día da muller e da nena na ciencia cun ciclo de faladoiros con mulleres tecnólogas

O Centro Gaiástech celebra o Día da muller e da nena na ciencia cun ciclo de faladoiros con mulleres tecnólogas

  • O primeiro encontro será o 15 de febreiro con Susana Ladra, vicepresidenta do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia 
  • A segunda charla será o 20 de febreiro con Rosa Vázquez da Startup Codee e o día 28 pechará o ciclo Almudena Justo, directora do Centro International Quamtum de Fujitsu 
  • Esta actividade súmase ás previstas no marco do Plan Digitalent da Xunta para fomentar as vocacións tecnolóxicas femininas 

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2024.- O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia conmemora o Día Internacional de Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra hoxe, co ciclo de faladoiros "Con elas explorando o futuro". O obxectivo destes encontros é visibilizar o rol das profesionais femininas no sector tecnolóxico e ofrecer referentes para fomentar as vocacións TIC, especialmente entre as nenas.

O ciclo comezará o vindeiro 15 de febreiro coa intervención de Susana Ladra, vicepresidenta do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia. O segundo encontro correrá a cargo de Rosa Vázquez, CFO & Co-founder  da Startup Codee, o día 20 deste mes; e  Almudena Justo, directora do Centro International Quamtum de Fujitsu, será a encargada de pechar as charlas o mércores, 28 de febreiro. 

Estes faladoiros súmanse ás actividades previstas dentro Plan Digitalent da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para impulsar as vocacións tecnolóxicas e eliminar a fenda de xénero no sector. 

Este ano está previsto celebrar novas edicións do programa Girl Steam con obradoiros de experimentación nas aulas CeMIT; os espazos Maker, que facilitan o uso de equipamento interactivo, impresoras 3D, drons ou kits de robótica na Rede CeMIT e no GaiásTech; Tecnológo por un día, que ofrece a posibilidade de compartir unha xornada de traballo nunha empresa TIC; o Campamento DigiTalia; o Scratch Day, un encontro para aprender a programar ou o Programa Tech Kids, que achega aos máis pequenos á tecnoloxía con actividades lúdico formativas.

Os últimos datos do Observatorio da Sociedade da Información sinalan que a presenza da mulleres no sector tecnolóxico galego sitúase no 30,6% e un 10,4% teñen unha titulación STEAM, unha porcentaxe que se reduce aínda más no caso de titulacións técnicas de Formación Profesional.