A Xunta priorizará en 2014 o gasto nas provincias de Lugo e Ourense para fortalecer o reequilibrio territorial
- O investimento por habitante na provincia de Lugo será de 728 euros e na de Ourense de 704, case un 50% máis que nas de A Coruña e Pontevedra
- A conselleira de Facenda entregou hoxe no Parlamento o proxecto de lei de Orzamentos para 2014, que serán os máis sociais da historia da Autonomía
- Muñoz Fonteriz lembra que as contas de 2014 son realistas e están baseadas no rigor e na responsabilidade
- O investimento no plan galego de I+D+i medra un 90% e a posta en valor do medio rural aumenta un 13,8%
- A Xunta mantén o seu compromiso cos concellos, que acumulan un financiamento adicional de 84 millóns de euros desde 2010, e coas tres universidades galegas
- O fondo específico para o crecemento refórzase ao incrementar a súa contía un 7%
- Por primeira vez dende o inicio da crise, Galicia recuperará taxas positivas de crecemento e reducirá o desemprego
Santiago, 19 de outubro de 2013.- O proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade galega para 2014 priorizará o gasto nas provincias de Lugo e Ourense fronte ás de Pontevedra e A Coruña, co obxectivo de fortalecer o reequilibrio territorial entre as distintas provincias galegas. Así, o investimento por habitante nas provincias interiores será case un 50% superior ás provincias atlánticas.
A suma dos investimentos da Xunta e entes dependentes no próximo exercicio supón que o gasto por habitante será en 2014 de 728 euros na provincia de Lugo e de 704 na de Ourense, mentres que á de Pontevedra se destinará 484 euros e á de A Coruña 478. Deste xeito, a de A Coruña terá unha dotación global de 543,4 millóns de euros; a de Pontevedra, de 461,9; a de Lugo de 251,5; e a de Ourense, de 229,6 millóns de euros.
A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, entregou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Orzamentos para 2014. As contas para o vindeiro ano serán as máis sociais da historia da Autonomía, cun 78% do gasto destinado a sanidade, educación e servizos sociais, case 10 puntos máis de peso en comparación co ano 2009. Na súa intervención, destacou que son unhas contas realistas e baseadas no rigor e na responsabilidade.
Neste sentido, a titular de Facenda explicou que os Orzamentos de 2014 incluirán beneficios fiscais para familias e empresas por un importe de 306 millóns de euros, dos que preto do 90% -un total de 274,3 millóns- repercuten na área social. Esta é unha estimación do impacto sobre os tributos autonómicos das medidas de política económica e social da Xunta.
Por exemplo, os beneficios fiscais nas taxas e prezos públicos chegan a 172 millóns de euros, no Imposto de Sucesións e Doazóns superan os 88 millóns de euros e no IRPF sitúanse en preto de 22 millóns de euros.
Política fiscal
No ámbito fiscal, a Xunta inclúe unha rebaixa do tramo máis baixo do IRPF que beneficiará a sete de cada dez contribuíntes, ao tempo que aumentará as deducións para favorecer a natalidade e a conciliación familiar e laboral. Tamén incentivará con deducións o sector das enerxías renovables e facilitará o relevo xeracional nas empresas.
Os orzamentos para 2014 apostan tamén por reforzar a loita contra a fraude fiscal, cun novo plan co que se recadarán 50 millóns de euros adicionais, e establecen a equiparación á maioría de comunidades autónomas do imposto de Hidrocarburos, que se destinará exclusivamente a gasto sanitario. En todo caso, Galicia non penalizará o sector do transporte, nin gravará os gasóleos especiais (pesqueiro e agrícola) nin de calefacción.
Muñoz Fonteriz explicou que son unhas contas baseadas no realismo e na prudencia, e que teñen como dobre obxectivo o reforzo do gasto social, que permitirá seguir priorizando o gasto nas persoas con máis necesidades, e a mellora da situación económica. De feito, 2014 será o primeiro ano dende que se iniciou a crise no que a comunidade galega poderá recuperar taxas positivas de crecemento e reducir a taxa de desemprego.
Máis investimento en I+D+i e no medio rural
O investimento da Xunta en 2014 incrementarase case un 90% na partida adicada ao Plan Galego de I+D+i, ao pasar de 18,9 a 35,9 millóns de euros. Tamén crecen un 14% os recursos para a posta en valor do medio rural –superarán os 69 millóns de euros- e os fondos vencellados a turismo, que se incrementan un 30%. Ademais, o Fondo de Crecemento medra un 7% respecto a 2013 e contará con 412 millóns de euros.
Pese a que a capacidade de gasto redúcese ao nivel dos anos 2005 e 2006, Galicia reforzará o vindeiro ano as partidas de ámbito social e priorizará o gasto en sanidade, educación e servizos sociais. Desta forma, o gasto en dependencia superará os 278 millóns de euros e as partidas para a Risga e os comedores escolares tamén medran.
Igualmente, a Administración galega manterá o esforzo de financiamento na administración local, que recibirá 113 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local, o que supón manter a mesma contía que neste exercicio e acumular un financiamento adicional de 84 millóns dende 2010. Mentres, nas universidades a Xunta realizará en 2014 un esforzo semellante ao presente ano e elevará a partida ata os 374,5 millóns de euros.
Crecemento e menos desemprego
A Administración galega contará en 2014 cun gasto non financeiro de 8.391 millóns, un 1,1% inferior á capacidade de gasto deste exercicio, e mantén o compromiso de cumprir o obxectivo de déficit do 1% do PIB fixado no Consejo de Política Fiscal y Financiera.
Ademais, os orzamentos entregados no Parlamento confirman que o PIB da economía galega medrará un 0,8% en 2014, máis que o agardado para España, mentres que a taxa de paro reducirase ao 21,7% e manterase catro puntos por debaixo da media española.