Skip to Content

Actualidade Orzamentaria

O volume de exportacións do Hipersector TIC galego supera os 120 millóns de euros, o importe máis alto desde 2017

O volume de exportacións do Hipersector TIC galego supera os 120 millóns de euros, o importe máis alto desde 2017

  • O valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC galego aumenta un 1,4% no último ano e sitúase, por primeira vez, por riba dos dous mil millóns de euros
  • O número de empresas galegas dos sectores tecnolóxico e de contidos acadan as 4.170 e suman 28.556 traballadores
  • O investimento en innovación do Hipersector TIC galego aumenta en máis de 46 millóns de euros no último ano, un 38,8% máis que o ano anterior

Santiago de Compostela, 8  de xuño  de 2024.- O Hipersector TIC galego, integrado polo sector TIC e o sector de contidos, realizou exportacións en 2022 por valor de máis de 120 millóns de euros, 12 millóns de euros máis que o ano anterior e o valor máis elevado desde 2017. Ademais,  o valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC creceu un 1,4% no último ano e supera, por primeira vez, a barreira dos dous mil millóns de euros.

Así se recolle no estudo Galicia dixital. O Hipesector TiC en Galicia, baseado en datos de 2022 e 2023 e que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O estudo sinala que o Hipersector TIC pechou o ano 2023 con 28.556  traballadores, o que supón un incremento do 4,7% respecto ao ano anterior. O incremento máis elevado do emprego rexistrouse no sector tecnolóxico, que conta actualmente con 22.932 traballadores, aumentando nun 5,2% no último ano. O sector contidos crece un 2,9% e acada os 5.624 traballadores. 

No 2023, a porcentaxe de mulleres empregadas no Hipersector TIC foi do 33,4%, un 6,1% máis que o ano anterior. Por terceiro ano consecutivo, crece máis o emprego feminino que o masculino. 

O número de empresas do Hipersector TIC mantén o ritmo de crecemento e en 2023 acadou as 4.170,  das cales que o 75,3% pertencen ao  sector TIC e o 24,7% ao de contidos.  O crecemento no número de empresas no Hipersector é sostido nos últimos anos, acumulando un aumento dun 13,8% dende o 2018.

Innovación
No período 2020-2022 o Hipersector TIC, investiu preto de 165 millóns de euros en innovación, 46 millóns de euros máis que o período anterior e supón o 20% do total do gasto en innovación das empresas de Galicia.
Respecto ao tipo de actividade innovadora, o 45,8% das medianas e grandes empresas do Hipersector TIC sinala ter realizado, principalmente, innovacións de produto (84,5%) e tecnolóxicas de procesos (88,7%).

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.gal.