Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

Galicia reduciu a súa débeda en máis de 200 M€ no último ano e 1,4 puntos a ratio débeda/PIB

Galicia reduciu a súa débeda en máis de 200 M€ no último ano e 1,4 puntos a ratio débeda/PIB

  • O incremento puntual do endebedamento no primeiro trimestre de 2024 vén provocado pola falta de actualización por parte do Goberno central das entregas a conta do sistema de financiamento autonómico

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024.- Galicia reduciu a súa débeda en 211 M€ no último ano e 1,4 puntos a súa ratio débeda/PIB, segundo reflicten os datos do Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes ao primeiro trimestre de 2024 publicado hoxe polo Banco de España. 

Así, a ratio débeda/PIB situouse no 16,2%, fronte ao 17,6% do primeiro trimestre de 2023. Con este descenso, este indicador atópase en niveis de hai máis dunha década.

En canto ao dato intertrimestral, prodúcese un incremento puntual do endebedamento do 1,9% para garantir a liquidez e compensar os prexuízos provocados pola falta de actualización do Goberno central das entregas a conta correspondentes ao sistema de financiamento autonómico, que tiña que achegar a principios do exercicio.

Con estes datos, Galicia foi no primeiro trimestre deste ano a cuarta comunidade autónoma de réxime común con menor ratio de débeda/PIB. Ademais, a Comunidade galega ten un diferencial coa media autonómica 6 puntos inferior á ratio débeda/PIB da media de comunidades que se situou neste período en 22,2%.

A débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.582 euros fronte aos 6.790 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.209 euros menos que a media autonómica.

Volume de débeda
Hai que lembrar que o Banco de España ratifica ademais que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.

Ademais, logo do esforzo extraordinario por mor da pandemia, Galicia leva unha senda descendente dos seus ratios de endebedamento, que se consolidará este ano, xa que os orzamentos para 2024, por primeira vez nos últimos 16 anos, están elaborados sen novo endebedamento.