Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

Galicia acolle a sinatura da Declaración de Compostela para reclamar unha cultura de cooperación no ámbito da contratación pública en beneficio dos cidadáns

Galicia acolle a sinatura da Declaración de Compostela para reclamar unha cultura de cooperación no ámbito da contratación pública en beneficio dos cidadáns

  • O documento, asinado por todas as CC. AA., incide na importancia de reforzar o papel do Comité de Cooperación en materia de contratación pública, que permita ás distintas entidades participar e aportar o seu coñecemento, desde o inicio das actuacións
  • O director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, clausurou o III Encontro Autonómico de Contratación Pública, do que Galicia foi a Comunidade anfitrioa 

 

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024.- Galicia e o resto das comunidades autónomas asinaron hoxe a Declaración de Compostela para reclamar ao Goberno central unha cultura de cooperación no ámbito da contratación pública en beneficio dos cidadáns.

A declaración, que foi asinada durante o peche do III Encontro Autonómico de Contratación Pública, do que Galicia foi a Comunidade anfitrioa, pon de manifesto que a cooperación entre as administracións públicas estatal, autonómica e local é a mellor forma de promover a resolución de problemas comúns neste eido.

Nesta liña, o documento incide na importancia de reforzar o papel do Comité de Cooperación en materia de contratación pública, que permita ás distintas entidades participar e aportar o seu coñecemento e experiencia, desde o inicio das actuacións.

Así mesmo, expón a necesidade de modificar a Lei de contratos do sector público, coa participación de todas as administracións territoriais, co obxectivo de redundar nunha maior eficacia da actuación administrativa e eficiencia no gasto público, como manifestación material do dereito da cidadanía á boa Administración.  

Coa finalidade de comezar "un novo tempo", no que se decidan os temas comúns baixo a premisa dunha colaboración real e efectiva, na declaración solicítase tamén a convocatoria, na maior brevidade posible, do Pleno do Comité de cooperación.

O director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, foi o encargado de clausurar o encontro.