Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

As medianas e grandes empresas con actividade en Galicia superan a media estatal no uso da intelixencia artificial

As medianas e grandes empresas con actividade en Galicia superan a media estatal no uso da intelixencia artificial

  • Máis do 11% das entidades deste segmento empresarial emprega IA fronte ao 9,6% da media estatal
  • Preto do 20% das medianas e grandes con actividade na Comunidade contan con persoal especialista en TIC contratado, superando a media do conxunto do Estado (16,4%)
  • Os perfís tecnolóxicos máis demandados polas grandes empresas son os especialistas en datos e ciberseguridade
  • As empresas de dez ou máis traballadores incrementaron as vendas online máis dun 25% 

 

Santiago de Compostela, 23  de xuño  de 2024.- As medianas e grandes empresas con actividade na nosa comunidade superan a media estatal no uso da intelixencia artificial. O 11,1% das empresas de 10 ou máis persoas empregadas utilizan IA, 1,5 puntos máis que o conxunto do Estado. As solucións de IA máis empregadas neste segmento empresarial son as de automatización de fluxos de traballo ou axuda na toma de decisións.
Son datos sobre o emprego de tecnoloxías disruptivas recollidos no informe "Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia", correspondente ao ano 2023, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O informe sinala, tamén, que a compra de servizos de Cloud Computing nas grandes empresas con sede en Galicia sitúase por riba do 24%, sendo aínda máis frecuente nas empresas con actividade en Galicia, co 31%, e iguala practicamente á media estatal.

Talento Dixital
A dixitalización empresarial reflíctese na contratación de perfís tecnolóxicos. Neste sentido, o informe sinala que unha de cada cinco empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia contratan especialistas TIC. 
Os perfís tecnolóxicos máis demandados polas grandes empresas son os especialistas en datos e ciberseguridade. Os expertos en datos aparecen no 12,3% das empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia, e os especialistas en ciberseguridade no 10,4%.

O 54,6% das empresas galegas de 10 ou máis empregados/as con actividade en Galicia que contan con perfís TIC, empregan mulleres especialistas TIC. 

Comercio electrónico
As cifras de vendas mediante comercio electrónico mantéñense en porcentaxes moi similares ás do ano anterior. O máis destacable é o aumento de máis dun 25,5% na porcentaxe con vendas das empresas de 10 ou máis traballadores con sede en Galicia, que pasa dun 20,8% a un 26,1%.

Presenza en Internet
O uso de páxina web mantense estable, tanto nas empresas galegas como nas estatais. Nas empresas con sede en Galicia de 10 ou máis empregados o 77,7% ten web propia e a media estatal é do 78,5%.

O uso de medios sociais sitúase nun 28% nas empresas de 0 a 9 traballadores e 65,5% nas empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia. 

Durante o ano 2023, o 27,6% das empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia pagaron por anunciarse en Internet.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio.