Skip to Content

Actualidade Orzamentaria

A Xunta reclama unha cogobernanza efectiva no ámbito da contratación pública en beneficio de toda a cidadanía

A Xunta reclama unha cogobernanza efectiva no ámbito da contratación pública en beneficio de toda a cidadanía

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugura o III Encontro Autonómico de Contratación Pública do que Galicia é a Comunidade anfitrioa 
  • Miguel Corgos recoñece o labor dos responsables da contratación pública, que conseguen que os servizos públicos máis críticos cheguen as persoas

 

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024.- A Xunta reclama unha cogobernanza efectiva no ámbito da contratación pública en beneficio de toda a cidadanía. Así o pediu hoxe o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante a inauguración do III Encontro Autonómico de Contratación Pública do que Galicia é a Comunidade anfitrioa. 

Corgos recoñeceu o labor dos responsables da contratación pública que conseguen que os servizos públicos máis críticos cheguen ás persoas. Esas persoas traballadoras públicas son as que posibilitan que hospitais, centros de saúde, escolas ou residencias de maiores abran cada día. Para Miguel Corgos resulta da máxima importancia que representantes de diferentes gobernos, identidades e sensibilidades traballen na mesma dirección para mellorar a contratación pública en España. 

O papel das CC.AA.
As administracións autonómicas teñen un papel moi relevante no conxunto do Estado, apuntou Miguel Corgos, co 40,4% do total dos contratos licitados no ano 2022, último do que se teñen datos. Máis do 50% destas licitacións son competencias exclusivas das Comunidades Autónomas, que xestionan hospitais, centros educativos e residencias de maiores.  

O conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou que a cogobernanza é o único camiño para lexislar dun xeito máis próximo aos problemas reais dos cidadáns, que non admiten demoras. Aspectos como o tecido produtivo, a dispersión dos núcleos de poboación ou as condicións de despoboamento en cada Comunidade autónoma teñen que ser tomados en consideración para un mellor aproveitamento e eficacia da contratación pública.

Miguel Corgos destacou a oportunidade que este encontro proporciona para poñer en común experiencias e aprender delas, así como debater as posturas comúns das Comunidades Autónomas para fomentar unha auténtica colaboración entre as administracións que contratan. 

Este encontro autonómico clausurarase mañá venres, coa sinatura da Declaración de Compostela en materia de contratación pública.