Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta organiza a III edición de Somos Cibernéticas, un encontro para promover o talento feminino no eido da ciberseguidade

A Xunta organiza a III edición de Somos Cibernéticas, un encontro para promover o talento feminino no eido da ciberseguidade

  • Arredor de medio cento de rapazas de 4º da ESO participarán o 11 de xuño nos desafíos que formularán catro mulleres especialistas en ciberseguridade 
  • O encontro finalizará cun relatorio de Belén Pérez, coordinadora do Centro de Ciberseguridade Industrial en Galicia
  • A xornada poderá seguirse en streaming, previa inscrición no portal do GaiásTech

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024.- A xornada Somos Cibernéticas celebra o vindeiro día 11 a súa terceira edición co obxectivo de fomentar o talento feminino no eido da ciberseguridade. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica organiza este encontro, no que participarán arredor de medio cento de rapazas de 4º da ESO que terán que afrontar catro desafíos en materia de ciberseguridade, propostos por catro especialistas neste ámbito e vinculados a mulleres relacionadas co mesmo.

A xornada comezará con reto Alerta WiFi: redes ao descuberto, no que as participantes terán que crear unha rede WiFi maliciosa para comprobar como os ciberdelicuentes conseguen as credenciais do usuarios. No segundo reto Cazadoras de trampas dixitais, as rapazas terán que evitar ser vítimas de phishing. O terceiro desafío, Gardianas dixitais: fortalecendo as defensas, afondará na importancia de empregar contrasinais seguros e o último reto, Raiñas do ciberespazo: misión impostor, centrarase na detección de novas falsas en internet.

As profesionais que lanzarán os desafíos son Olalla Rama, enxeñeira informática e Vulnerability Managment Analyt de Telefónica Tech; Conchi Fernández, enxeñeira de Telecomunicacións e Device Management de Telefónica Tech; Alba Ramos, enxeñeira de Tecnoloxías de Telecomunicacións e GRC Consultant de Govertis; e Lidia Molina, licenciada en Dereito, especializada en novas tecnoloxías e protección de datos e GRC Consultant de Govertis. 

O encontro rematará co relatorio Rompendo barreiras: o talento feminino en ciberseguridade, que impartirá Belén Pérez, enxeñeira técnica industrial e coordinadora do Centro de Ciberseguridade industrial en Galicia. Calquera persoa interesada poderá seguir o evento en streaming previa inscrición no portal do GaiásTech.

Esta xornada enmárcase nas actividades do Nodo CIBER.gal, un espazo de colaboración público-privado, impulsado pola Xunta favorecer unha contorna dixital segura e afrontar, de forma colaborativa, os retos aos que se deben enfrontar empresas, cidadáns e administracións para protexer os seus activos no ciberespazo.