Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta continuará reducindo a tributación das herdanzas entre parentes cunha nova rebaixa que pode beneficiar a máis de 9.500 persoas ao ano

A Xunta continuará reducindo a tributación das herdanzas entre parentes cunha nova rebaixa que pode beneficiar a máis de 9.500 persoas ao ano

  • A reforma normativa do Imposto sobre Sucesións e Doazóns permitirá establecer que nas herdanzas de ata 25.000 euros entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados e xenros non se pague nin un euro polo imposto 
  • A medida permitirá que deixen de pagar o imposto en torno a un 65% dos parentes do grupo III

Santiago de Composetla, 3 de xuño 2024.- A Xunta vai continuar reducindo a tributación das herdanzas entre parentes, cunha reforma normativa que permitirá establecer que nas herdanzas de ata 25.000 euros entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados e xenros non se pague nin un euro polo imposto. 

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe sobre a medida a adoptar no Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD), unha decisión que, unha vez en vigor, podería beneficiar a máis de 9.500 galegos e galegas cada ano, facendo que deixen de pagar o imposto en torno a un 65% dos parentes do grupo III (colaterais de segundo e terceiro grado, e ascendentes e descendentes por afinidade).

O Goberno galego continúa deste xeito afondando na reforma normativa que permite reducir a tributación nas herdanzas entre familiares directos. Continuando coas medidas anteriores, as novas rebaixas afectarán agora aos parentes do grupo III, con independencia do parentesco coa persoa falecida e incrementando as reducións fiscais. 

Dunha banda, vaise unificar a redución con independencia do parentesco que se ten respecto á persoa falecida, de xeito que a redución sexa do mesmo importe xa esteamos ante unha sucesión a unha irmá ou a unha sobriña, por exemplo. Por outra banda, vaise incrementar a redución ata os 25.000 euros, o que supoñerá unha diminución, para os irmáns, dun 56% e para o resto dos parentes dese grupo de case un 213%. 

Máis de 800.000 persoas beneficiarias
Mediante as sucesivas reformas que o Goberno galego ven realizando do Imposto de Sucesións e Doazóns (ISD), dende 2016 houbo máis de 813.500 persoas beneficiarias desta tributación, ás que hai que engadir as máis de 13.900 persoas beneficiarias do mellor tratamento fiscal en herdanzas entre irmáns.

Con estas novas medidas Galicia convírtese na Comunidade Autónoma con mellor tratamento fiscal neste III tramo para as herdanzas inferiores a 25.000 € e na 4º nos demais casos.